A maior feira científica escolar dedicada este ano á ciberseguridad
Reúne 104 propostas de equipos de Secundaria, Bacharelato e Primaria de toda Galicia.
O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. O certame, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, vai reunir ata o venres a máis de 3.500 participantes en torno ás diferentes actividades programadas.
Nesta edición participan 104 proxectos: 50 presenciais e 20 online de Secundaria e Bacharelato; e 30 presenciais e 4 en liña de Primaria. Hai propostas moi variadas e dos campos máis diversos, aínda que a maioría se centran na ciberseguridade. Así, un equipo ideou un labirinto interactivo que simula o interior dun dispositivo, para ensinar á mocidade a protexer a súa identidade dixital. Hai varias aplicacións para evitar estafas e poder navegar na rede de xeito seguro; outra permite analizar as fotos antes de publicalas co fin de detectar posibles riscos para a privacidade; unha páxina web determina en tempo real a seguridade dos contrasinais… Tamén destaca un semáforo impreso en 3D que transforma o risco dixital en sinais visuais e sonoros. Un grupo está a poñer a proba aos asistentes, demostrando como a intelixencia artificial é capaz de crear imaxes, sons e mesmo olores que identificamos como reais.
O protagonismo das novas tecnoloxías
As novas tecnoloxías son sempre protagonistas en Galiciencia. Un equipo propón unha caixa intelixente para transportar os restos que aparecen nos xacementos arqueolóxicos. Outro converteu o seu instituto nun gran xogo dixital: construíron unha maqueta interactiva do centro para axudar a resolver e comprender conceptos matemáticos de xeito lúdico. Un grupo desenvolveu un museo virtual para dar a coñecer a riqueza histórica do seu concello. Outros construíron unha caixa de Faraday, que anula o campo eléctrico no seu interior, para gardar os teléfonos móbiles na aula. Un equipo deseñou emisoras de radio caseiras, independentes da rede eléctrica, de utilidade nunha situación de emerxencia na que fallen os sistemas de comunicación habituais. Unha caixa que incorpora diferentes sensores permite realizar un seguimento diario da nosa saúde.
Os máis pequenos están a coñecer trucos para elaborar contrasinais seguros
Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, están a coñecer diferentes trucos para elaborar contrasinais orixinais e o suficientemente seguros como para resistir posibles ciberataques.
Por outro lado, a rapazada está a coñecer a realidade dos “cibercebos”, informacións falsas que buscan a nosa atención para lucrarse. Neste obradoiro os participantes están a recibir as claves para saber cando e onde debemos clicar, e cando non.