Galicia logra a sexta posición no nacional Sub16
Excelente comportamento de todas e todos os integrantes da Selección Galega Sub16 que esta fin de semana estiveron tomando parte no Campionato de España por Comunidades Autónomas do CSD
Por parte da Selección galega, Nerea Martínez nos 100 m. con 12.78 lograba un moi boa segunda posición, destacando tamén os rexistros na especialidade dos 300 valos de Leo Rodríguez con 40.32 e de Celia Fernández nos 100 valos con 15.33, segundo e terceira respectivamente.
A proba dos 600 m. contou con dobre presenza galega no segundo posto do podio por parte de Celia Castro con 1:37.62 na categoría femenina e de Daniel Salgueiro con 1:24.56 na masculina. Outra das especialidades onde os nosos representantes lograron bos rexistros foi os 3.000 m. con Amparo Corredoira e Teo de Frutos entrando na línea de meta no cuarto lugar moi preto dos metais.
Moi ben os equipos de relevos cun segundo lugar para o 4x100 feminino ( Marta Caamaño, Nerea Martínez, Celia Fernández e Valeria González) e un terceiro para o masculino dos 4x300 (Hugo Couñago, Leo Rodríguez, Daniel Salgueiro e Antón Cillero) . Por último, non menos destacadas foron as segundas posicións tanto de Gema Dacosta que estivo ao fronte da proba de peso ata o último lanzamento, como de Mar Simón en disco con 43.75 m. e que nada poido facer ante o récord do campionato da gañadora cántabra de 45.56 m.
No resto de actuacións cabe salientar os postos de finalista logrados por Sabela Martínez e Asahber Díaz nos 1.000 m.; Valeria González e Simón Novoa en lonxitude; Aixa Corbacho en martelo; Enrique Polo en pértega; Eloy Acuña en peso; Sergio Fernández en disco; Andrés González nos 5.000 marcha; Martina Gutiérrez en altura; Marina Artemia en triplo; Antía Otero en xavelina; Julia Fernández e Antón Cillero nos 300 m. e Lucas Huertas nos 100 v.