Artesanía

Galicia celebra os días europeos da artesanía difundindo a riqueza deste sector

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, coordina o programa na Comunidade, que acolle actividades de xornadas de portas abertas en obradoiros, demostracións en directo, feiras, exposicións e actividades infantís

Óscar Gómez

Ourense | 29.03.2022 09:33

Galicia celebra os días europeos da artesanía difundindo a riqueza deste sector | onda cero

A iniciativa enmárcase nos Días Europeos da Artesanía, que en Galicia se celebranse ata o 3 de abril con diferentes actividades de promoción e de divulgación dos oficios artesanais galegos e da marca Artesanía de Galicia. En España a iniciativa está promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, e en Galicia coordínaa a Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia. O programa completo e toda a información acerca deste evento a nivel nacional pode consultarse na páxina web https://www.diasdelaartesania.es/

Actividades na provincia da Coruña

En Santiago de Compostela, os talleres artesanais da rúa San Pedro, O taller de Fer, Kinga Haudek e Brigantia Orfebres organizan unha actividade conxunta de portas abertas o sábado 2 de abril, na que os asistentes pasarán polos 3 talleres participantes para facer unha peza de principio a fin que logo levarán unha vez rematada. Tamén na capital galega, o colectivo Creativas Galegas, que hoxe visitou o director xeral de Comercio e Consumo, organiza obradoiros de formación de xoiería, cerámica, téxtil e bordado e unha acción divulgativa de escaparates viventes protagonizados por artesás de diversos oficios na súa sede na rúa da Caldeirería 36.

Por outra banda, a Asociación Galega de Artesáns retoma a actividade Oficios en acción no centro Ágora do Concello da Coruña, onde organizarán os días 2 e 3 de abril actividades de demostración de oficios como o tecido, olería, talla de vidro, talla de madeira e actividades participativas con inscrición previa de trenzado de coiro, esmaltes ao lume, tecido, xoiería, calceta, cestería e cartón pedra. As inscricións a estas actividades están dispoñibles no programa de Oficios en Acción que se pode descargar na web www.diasdelaartesania.es.

Por outra banda, a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso (A Coruña) acollerá o sábado 2 de abril un taller aberto para familias de pintura sobre madeira, impartido por Leonor Díaz do taller vigués Como Pez en el agua.

Na praza de abastos de Ribeira (A Coruña) e durante toda a semana, a artesá Mariví Santos fará demostracións de elaboración de encaixe de palillos, organiza unha exposición de traballos e permitirá aos visitantes que se animen iniciarse nas técnicas do encaixe.

Iniciativas en Lugo

Na provincia de Lugo, o taller Regal Cerámica de Viveiro organiza, de luns a venres, visitas guiadas polo complexo Regalxunqueira para colexios, institutos e outros centros de ensino, e organiza un curso de iniciación á cerámica o día 2 de abril.

Ademais, a Asociación Profesional de Artesáns dos Muíños de Mondoñedo celebra os Días Europeos da Artesanía abrindo as portas ao longo de todas a semana para ofrecer demostracións e pequenas master class por parte dos obradoiros Estudo Estampa, Taller de Títeres, Esquina Atlántica, O Canteiro dos muiños, Miratú e Artesanía do Pasatempo. O sábado 2 de abril organizan unha minifeira de artesanía na Praza da Catedral de Mondoñedo coincidindo co evento Toxiza Gran Trail 2022.

Na capital lucense, o CENTRAD súmase á celebración destes días cunha serie de obradoiros de cestería na sede do Lugar de Reque no Paseo do río Rato, e que requiren inscrición previa. Baixo o título Simbiose, tamén en Lugo, o sábado os talleres Ceniza de Papel e Bellota Mágica ofertan unha actividade conxunta coa que dar a coñecer o traballo do modelado e a creación de pezas de cerámica modulares e utilitarias.

Propostas en Ourense

En Ourense, o obradoiro Logaro abre as portas do seu espazo Hilokune, un espazo creativo onde Dolores García, a titular do obradoiro, compartirá cos visitantes unhas horas de tecido. Ademais, a EASD Antonio Faílde abre as portas da escola a tarde do martes, 29 de marzo, para explicar en que consisten os seus programas de estudos.

Encontros en Pontevedra

Marín, na provincia de Pontevedra, acolle o domingo unha feira de artesanía con demostración de oficios na alameda Rosalía de Castro. O taller mariniense Alén dás Olas establecerá horarios de portas abertas a concertar con antelación con aquelas persoas interesadas en tomar contacto coas técnicas cerámicas. Así mesmo, o sábado 2 de abril, e durante todo o día, realizarase un taller de decoración de pezas na roda, con inscrición previa.

Espacio Hylica, espazo de estudo e divulgación de técnicas antigas en Baiona, durante os días 2 e 3 de abril abre as súas portas para amosar o traballo en vivo dos obradoiros Antonina Kadyrova, artesá do coiro; Ana Castro Barja, artesá téxtil; Régis Floury, artesán luthier e restaurador de instrumentos de corda; e Natalia Moreno, deseñadora de estampados e artesá.

O CEIP Mestre Manuel García de Oia acolle o luns 28 de marzo a demostración en vivo dos obradoiros artesanais Medialúa, Liño e Lá, Marta Armada, Manuel García Ferreiro, Carliños Cesteiro e areladefe, que amosarán aos alumnos e alumnas deste colexio as técnicas que empregan nos seus obradoiros na creación das súas pezas máis representativas.

A asociación galega da cerámica e outras artesanías “A Escola” abre o seu taller de Borreiros (Gondomar) ao público en xeral, ensinando técnicas básicas de cerámica e olería; non precisa inscripción previa pero terá a limitación do aforo do taller.

O taller Papelier de Baiona (Pontevedra) durante os Días Europeos da Artesanía pon ao dispor dos interesados o seu curso de iniciación ao lettering. Enviando un email a info@papelier.es e solicitando as claves de acceso da plataforma do curso os interesados poderán acceder de forma totalmente gratuíto a est

En Silleda (Pontevedra) o centro de recursos Medelo-Silleda, centro de atención diúrna especializado en proporcionar atención personalizada a persoas con discapacidade intelectual e necesidades de apoio límite e intermitente, organiza unhas xornadas de portas abertas dos seus talleres de artesanía, de luns a venres, co fin de poñer en valor o produto artesán e divulgar os oficios artesanais visibilizando as capacidades das persoas con discapacidade ademais de reivindicar a igualdade de oportunidades.