Gadis colabora con Unicef
A organización humanitaria distribuirá 35.280 sobres de alimento terapéutico para tratar a desnutrición infantil.
Gadis volveu a elixir a Tarxeta Regalo Azul de UNICEF para felicitar o Nadal. Unha felicitación cargada de solidariedade para a infancia xa que a organización humanitaria converterá a doazón da empresa en 35.280 sobres de alimento terapéutico. Con esta achega nutricional, mellorará a situación de 11.760 nenas e nenos que viven en países en vías de desenvolvemento e están afectados por graves casos de desnutrición.
A cadea de supermercados colabora con UNICEF pola infancia desde hai 29 anos. Unha cooperación ininterrompida que posibilitou axudar a miles de nenas e nenos vulnerables de todo o mundo a través de diferentes campañas de vacinación e da subministración de alimentación terapéutica e auga potable.
Desde Supermercados Gadis poñen en valor o importante labor que leva a cabo UNICEF para mellorar as condicións de vida da infancia máis vulnerable en calquera recuncho do planeta ante as diferentes crises humanitarias.
Pola súa banda, UNICEF agradece o apoio inquebrantable da empresa desde 1993. Este ano a súa axuda destínase ao tratamento da desnutrición infantil con alimentos terapéuticos listos para usar porque a seca, a situación económica global e o impacto da guerra de Ucraína están a afectar moi gravemente ao leste e sur de África, así como a Iemen ou Afganistán. “Case 8 millóns de menores de 5 anos de 15 países afectados por esta crise corren o risco de morrer por desnutrición aguda grave se non reciben alimentos de xeito inmediato”, explican desde UNICEF, que elixen este preparado alimenticio porque contén un equilibrio específico de nutrientes que, unido á facilidade do seu consumo, favorece a curación de máis do 80% das nenas e nenos afectados por esta enfermidade.
Máis liñas de colaboración
Gadis estreitou a súa colaboración con UNICEF nos dous últimos anos con motivo da guerra de Ucraína e da crise provocada a nivel mundial pola COVID-19. A principios do 2022, a cadea de supermercados e os seus clientes recadaron 125.000 euros. Unha cantidade coa que a Axencia de Nacións Unidas para a Infancia pode facilitar, por exemplo, auga potable a máis de 320.000 nenas e nenos ucraínos. En 2021, a súa axuda permitiu á organización asegurar o envío e distribución de 150.000 doses de vacinas contra a COVID-19, así como test e tratamentos a países con menos recursos.
Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Estas accións forman parte do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA retail, no que a solidariedade é unha das liñas de actuación prioritarias co propósito de chegar cada vez a máis persoas e de construír unha sociedade máis xusta. Están aliñadas, ademais, con algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do Pacto Mundial de Nacións Unidas, ao que a compañía está adherida desde hai 17 anos: ODS 1 (Fin da Pobreza), 2 (Fame Cero), 3 (Saúde e Benestar) e 10 (Redución das desigualdades), entre outros.