Gadis colabora coa asociación de celíacos de Galicia
A empresa 100% galega apoia a publicación dun libro infantil sobre unha nena celíaca para concienciar aos máis pequenos sobre a celiaquía.
Supermercados Gadis iniciou unha colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia para o desenvolvemento de diferentes iniciativas. Unha delas é o apoio á publicación do libro “Son Mariña! A historia dunha nena celíaca”. Un conto dirixido ao público infantil para que os nenos coñezan e normalicen a celiaquía.
A compañía 100% galega tamén coopera na edición do folleto “Vivir sen glute”. Trátase dunha guía rápida sobre a celiaquía, que inclúe información práctica cos alimentos específicos aptos para a dieta de celíacos, así como unha serie de receitas orixinais e equilibradas.
Son Mariña! A historia dunha nena celíaca
Outra das accións foi o apoio de Supermercados Gadis á Asociación de Celíacos de Galicia para a celebración da primeira Feira gastronómica sen glute, que tivo lugar esta fin de semana. Entre outras actividades, desenvolvéronse varios showcookings e un espazo gastronómico cun menú degustación para celíacos co fin de demostrar que a súa dieta pode ser igualmente equilibrada, rica e variada.
“Esta colaboración con ACEGA enmárcase no noso compromiso de atender á demanda e ás necesidades de todos os clientes cunha provisión de produtos que se caracteriza pola variedade, a calidade e o mellor prezo”, sinala Melisa Pagliaro, directora de Marketing e RSC de GADISA retail.
Na actualidade, os puntos de venda dispoñen de máis de 550 referencias de artigos sen glute nas diferentes seccións, identificados dunha forma intuitiva para que os clientes poidan atopalos facilmente. O obxectivo é continuar ampliando a variedade de produtos aptos, tanto para celíacos como para persoas con outras intolerancias e alerxias.
Precisamente, unha das liñas de actuación prioritarias do programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA retail é fomentar unha alimentación saudable, o consumo responsable e satisfacer as necesidades de todos os seus clientes. E, por suposto, continuar apoiando a iniciativas que contribúan ao impulso do tecido social da contorna.