Gadis apoia a campaña da AECC "a compra da túa vida"
A cadea de supermercados volve unirse a esta iniciativa solidaria promovida pola Asociación Española Contra o Cancro para financiar proxectos de investigación e mellorar o benestar dos pacientes.
Gadis únese de novo á campaña solidaria “A compra da túa vida”. Unha iniciativa que pon en marcha a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) co obxectivo de captar fondos para impulsar a investigación, mellorar as condicións de vida das persoas diagnosticadas con esta enfermidade, así como apoiar á súa contorna familiar.
Desde o venres 2 ata o domingo 11 de febreiro, todos os Supermercados Gadis de Galicia e Castela e León participarán nesta acción, que promove a AECC a nivel nacional coincidindo co Día Mundial contra o Cancro, que se celebra o vindeiro domingo día 4.
Para contribuír á causa, os clientes poden efectuar a súa doazón económica ao pasar por caixa, desde 1 euro ata un máximo de 99. No caso de que algunha persoa queira aumentar a cantidade, será remitida directamente á asociación.
Este é o terceiro ano consecutivo que Supermercados Gadis coopera con esta campaña, na que sempre contou coa implicación e solidariedade de miles de clientes, aos que agradece de antemán a súa xenerosidade. Nas dúas últimas edicións as súas achegas económicas superaron os 30.000 euros.
A visión solidaria do programa de RSC
A solidariedade é un dos piares do programa de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, que ten como propósito xerar impacto positivo na súa contorna para mellorar o benestar social. A través deste plan, únese a “A compra da túa vida” e patrocina outras accións da Asociación Española Contra o Cancro, como carreiras e marchas solidarias, para aumentar a conciencia social sobre esta enfermidade e as súas consecuencias.
A compañía apoia á AECC no chamamento desta asociación para que, a través da prevención, a detección precoz e a investigación, alcancemos o 70% de supervivencia en 2030.
Ademais da AECC, Gadis colabora con outras entidades que centran os seus esforzos na loita contra esta enfermidade, como Cancer Research Innovation Spain (CRIS) ou a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG).