Gabriel Alén por en valor os obradoiros de Emprego
Gabriel Alén anunciou o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Xunta.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, clausurou o obradoiro de emprego ‘Ribeiro 21’ na Mancomunidade de Concellos do Ribeiro e anunciou o inicio inmediato dunha nova edición desta iniciativa laboral, ‘Ribeiro Emprende’ tamén baixo o formato de obradoiro dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de case 353.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado polos alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; de Beade, Senén Pousa; de Cenlle, José Manuel Rodríguez; de Cortegada, Avelino de Francisco, e de Leiro, Francisco José Fernández, agradeceu ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas nas actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e nas operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para incorporarse con forza ao mercado de traballo”.
Gabriel Alén presidiu o acto de entrega aos 20 alumnos do obradoiro ‘Ribeiro 21’ no que a Consellería de Emprego e Igualdade investiu 352.946 euros. Promovido pola Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, neste proxecto participaron os concellos de Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro; desenvolvendo actuacións e traballos no monte de utilidade publica no entorno da capela de San Miguel; acondicionamento Camiño Miñoto; recuperación e posta en valor da fonte na aldea modelo de Osmo; recuperación e posta en valor da praza na aldea modelo de Osmo; camiños tradicionais na aldea modelo de Osmo; limpeza e mantemento do camiño Pedreiras; recuperación e posta en valor do camiño en Seixomil; limpeza e mantemento campo da festa de Soutelo; limpeza e mantemento da pista en Berán canteira; rego, limpeza e mantemento da pista Agra en Carregal de Abaixo; limpeza e mantemento da pista lavadoiro en Berán e Orega; limpeza pista monte Lebosende de ruta de sendeirismo.
A posta en marcha destas iniciativas ven a demostrar a importancia da colaboración institucional entre administracións, que permite poñer en marcha importantes proxectos que loitan contra o desemprego. Así, o delegado territorial subliñou que “desde a administración autonómica somos conscientes da importancia da formación á hora de mellorar as posibilidades da busca de emprego, polo que seguiremos a apostar por este tipo de iniciativas”; e subliñou que os esforzos continuados da Xunta nesta área e ademais deixou claro que a creación de emprego sitúase, no actual contexto da pandemia, no podio de prioridades xunto coa Sanidade e a Educación: “Estamos a redobrar os esforzos en formación e na inserción laboral especialmente nestes momentos tan complicados pola crise sanitaria, xa que temos como obxectivo principal o impulso, canto antes, da reactivación”.