Gabriel Alén pon en valor o papel dos avos na estructura familiar
O delegado territorial explicou que con esta iniciativa a sanidade e a educación pública de Ourense adiántase ao aplicar as recomendacións da OMS de actuar ante este problema con medidas de tipo interxeneracional.
Gabriel Alén, participou na presentación dun concurso escolar promovido polo Observatorio contra a Discriminación do Maior da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, en colaboración coa xefatura territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia en Ourense, que contribuirá a desbotar entre o alumnado de educación primaria prexuízos e estereotipos sobre as persoas maiores, que afectan ao seu benestar e limitan os seus dereitos.
A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá entre o alumnado e equipo docente do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar de Ourense, coa presenza da directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Beatriz Cabanelas, o xefe territorial de Educación, José Fisteos, e Miriam Vázquez, enfermeira da Unidade de Calidade e responsable do Observatorio contra a Discriminación do Maior, iniciativa posta en marcha tras resultar gañadora da primeira edición dos premios de humanización da Área Sanitaria, en 2021.
O idadismo refírese a discriminación implícita en prexulgar e estereotipar a unha persoa en función da súa idade e contribúe a percepción negativa da idade avanzada, invisibilizando socialmente as persoas maiores, minusvalorando a súa autodeterminación, formación, capacidades e dereitos.
Unha de cada dúas persoas ten actitudes idadistas, segundo un informe das Nacións Unidas, que alerta sobre como esta discriminación, por razón de idade, pode empobrecer a súa saúde física e mental, ademais de reducir a súa calidade de vida. Nesta liña, a Organización Mundial da Saúde (OMS) no seu recente informe mundial sobre idadismo, insta aos países e institucións a actuar e tomar medidas moi especialmente de tipo interxeneracional.
Con esta iniciativa a sanidade e a educación pública de Ourense adiántanse ao aplicar as recomendacións da OMS de actuar ante este problema, e introducen no debate escolar unha problemática aínda descoñecida por moitos, aproveitando o vinculo entre os netos e netas e os seus avós ou avoas.