Gabriel Alén participa na solta dun miñato na Serra da Enciña da Lastra
Gabriel Alén fixo fincapé no papel fundamental que estes espazos xogan na conservación da natureza e as oportunidades que ofrecen para o benestar social.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, puxo en valor a importante diversidade biolóxica, paisaxística e medioambiental dos tres parques naturais da provincia: Baixa Limia Serra do Xurés, O Invernadeiro e a Serra da Enciña da Lastra e instou á cidadanía a coñecer estes enclaves naturais. Fíxoo esta mañá na Serra da Enciña da Lastra, coincidindo co Día Europeo dos Parques Naturais, que este ano se conmemora baixo o lema Somos Natureza, onde participou na liberación dun miñato (Águila ratonera).
A natureza forma parte do noso ser e dependemos dela para a nosa saúde mental e física
Gabriel Alén fixo fincapé no papel fundamental que os parques xogan na conservación da natureza así como as oportunidades que ofrecen para o benestar social. “A natureza forma parte do noso ser e dependemos dela para a nosa saúde mental e física”, manifestou, e engadiu que “as áreas protexidas son lugares ideais para restaurar e protexer a natureza e propiciar a nosa conexión con ela”.
O delegado territorial explicou que o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra constitúe o principal macizo calcáreo de Galicia, destacando que albergará a maior rede de covas de impresionantes cortados, Isto xunto á súa posición bioxeográfica, na rexión Mediterránea, con escasas choivas, implica o sustento dunha biodiversidade excepcional, tanto de tipos de hábitats e formacións vexetais como de especies de flora e fauna. Está situado no oriente da provincia de Ourense, no concello de Rubiá, dentro da comarca de Valdeorras. Ten unha superficie de 3.151,67 hectáreas e conta con outras figuras de protección: é espazo protexido Rede Natura 2000 (ZEPA e ZEC) e acolle unha árbore senlleira a aciñeira de Covas ou aciñeira da Fontenova. O número visitantes ao centro de interpretación no ano 2021 foi de 660, e neste ano, dende marzo ata mediados de maio xa recibiu un total de 193.
A provincia de Ourense concentra 3 dos 6 parques naturais da comunidade autónoma de Galicia, o que a converte non só na que ten o maior número de parques naturais, senón que acumula tamén máis do 75% da superficie de Galicia declarada baixa declarada baixo esta figura, datos que reflicten o importante papel que xoga a provincia na conservación destes espazos protexidos.
[[H3:Actividades escolares no Parque Natural da Baixa Limia – Serra do Xurés]]
Coincidindo co Día Europeo dos Parques Naturais, 130 alumnos dos CEIPs Plurilingüe do Xurés de Lobios, Santa María A Real de Entrimo, Valle Inclán de Muíños e Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, desenvolveron unha serie de actividades medioambientais no complexo turístico do Corgo en Muíños. Os escolares tiveron que localizar en grupo diferentes imaxes de especies de plantas e animais autóctonas ou invasoras para despois identificalas. Deste modo, coa actividade proposta, buscábase involucrar á comunidade escolar local (nenos de 4 a 12 anos) dun xeito ameno ao realizarse mediante un xogo, a reconectar coa natureza como elemento importante para o noso desenvolvemento e facela partícipe da xestión que se realiza nestes espazos naturais.
Outra das finalidades pretendidas era que descubrisen que a natureza está en cada recuncho, axudando a recoñecer especies de fauna e flora comúns que poden atopar eles facilmente. Tratábase de que se sentiran realizados na simple observación do seu entorno e viran a utilidade de coñecer o medio natural, a través da identificación das principais ameazas para os espazos protexidos como son as especies exóticas invasoras.