O FITO amplía espazos, voces e estratexias poñendo o acento nas compañías emerxentes
O evento cultural de referencia trae teatro de rúa e de sala, do 12 ao 22 de outubro, a diferentes espazos como o Teatro Principal, o Liceo de Ourense, a Casa da Cultura Manuel María de Barbadás, e a diferentes rúas da cidade.
A XVI edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense amplía os espazos, voces e estratexias, poñendo o acento nas compañías emerxentes, moitas delas vencelladas coa cidade. A presentación desta proposta cultural tivo lugar hoxe no Teatro Principal, acto no que participou o vicepresidente segundo do goberno provincial e deputado de Cultura, César Fernández; a directora do FITO, Fina Calleja; a concelleira de Cultura de Barbadás, Ana Belén Peleteiro; o xerente o Liceo de Ourense, José Luis Troitiña; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
César Fernández reivindicou o traballo realizado pola organización do FITO ao longo destes dezaseis anos consolidándoo como "un evento referente na axenda cultural da provincia de Ourense". Un proxecto que permite “achegar a cultura con espectáculos teatrais de enorme calidade a todos os públicos e en diferentes localizacións, cun importante impacto positivo na vida social e económica da cidade". Ademais, este Festival é un “gran escaparate para amosar á cidadanía os espectáculos de compañías de longa traxectoria, así como o altofalante idóneo que precisan as compañías que están a comezar para impulsar a súa carreira nas artes escénicas”, engadiu o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.
Pola súa parte, a directora do FITO fixo unha especial mención ao apoio da Deputación de Ourense e AGADIC afirmando que son “aliados imprescindibles” para sacar adiante este proxecto cultural. Esta edición trae teatro de rúa e de sala, do 12 ao 22 de outubro, a diferentes espazos como o Teatro Principal, o Liceo de Ourense, a Casa da Cultura Manuel María de Barbadás, e a diferentes rúas da cidade.
Nesta ocasión, a programación de compañías galegas será máis diversa ca nunca en canto a xéneros, disciplinas que se incorporan á programación do festival e o carácter das compañías convidadas: Teatro de texto da man de Contra-producións e Redrum Teatro; narración con Quico Cadaval, teatro de máscaras coa estrea de Frío da compañía galega A Feroz, danza con Marta Alonso, clown con Pajarito. E, en canto a compañías de fóra de Galicia, a programación inclúe a Inda Pereda (clown), Escola da Noite (teatro de texto), e Dado (clown).
“67 Graos. Ourense Efervescénica” para dar visibilidade a creadores e artistas galegos
A XVI edición do FITO aglutina, polo tanto, espectáculos a cargo de compañías de longa traxectoria con outras de recente e vigorosa creación. Ademais, de xeito paralelo, organízase a terceira edición do proxecto “67 Graos. Ourense Efervescénica” co que se pretende dar visibilidade a creadores e artistas galegos coa posta en marcha de cinco bolsas de creación dotadas con 300 euros que promovan o diálogo entre creadores e a aperta de xéneros e disciplinas artísticas.
Con esta nova edición de “67 Graos. Ourense Efervescénica”, o FITO renova o seu compromiso con esta iniciativa que pretende incluír dentro das bases a apertura de recepción de propostas a creadores de toda Galicia e Portugal, con especial atención ás creadoras femininas.
Máis información: www.teatroprincipalourense.com