A Finca Valverde destino de proxectos de “Economía social
A Deputación de Ourense impulsará nos terreos da Finca Valverde (Allariz), a posta en marcha de iniciativas de “Economía social”, un compromiso adquirido polo presidente da Deputación.
A Deputación de Ourense impulsará nos terreos da Finca Valverde (Allariz), instalacións propiedade da institución provincial, a posta en marcha de iniciativas de “Economía social”, un compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e que ten como obxectivo “asegurar a viabilidade económica desta infraestrutura agraria, incorporando solucións baseadas na sustentabilidade e a eficiencia, sen renunciar a rendibilidade”. Neste sentido, Baltar salienta que a finca “pretende ser un centro de referencia en Ourense no ámbito da economía social e no desenvolvemento destas prestacións”.
No borrador que se manexa como punto de partida para o lanzamento deste proxecto márcanse como liñas de traballo: formación, emprego, traballo social e a implantación de novas ámbitos de actividade (fruticultura, cultivo, procesado e comercialización de arandos, actividades turísticas, sector hostaleiro, enfocado ao turismo rural e un centro de eventos, provisto de salas de reunión e salón para conferencia, actividades empresariais e celebracións familiares).
Na visita á Finca Valverde, Manuel Baltar estivo acompañado polo presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen ánimo de lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez, e polo presidente do Foro da Economía Social de Galicia, Celso Gándara, quen destacaron a posta en valor que suporá para este sector a Finca Valverde. Na visita estiveron acompañados por Isabel Fraga, presidenta de empresas de inserción de Galicia; Miguel Filgueira, vicepresidente de Espazo Coop e responsable da sectorial de cooperativas de ensino, e Martiño Vázquez, de Xeitura S. Coop Galega, empresa dedicada á xestión integral do patrimonio.
“O goberno provincial fai unha aposta decidida para que esta propiedade de 16 hectáreas de pradarías e 28 de monte se converta nun centro de referencia en “Economía social”, xestionado por empresas de este sector”, expresa Manuel Baltar, un proxecto ao que está previsto que nas vindeiras semanas se sumen máis entidades.