Festival

O Festival IGF Caravan homenaxea na súa nova edición a José Antonio Viñas

O evento, coa colaboración da Deputación, celebrarase do 15 ao 18 de xuño, nos concellos de Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín e San Cristovo de Cea, con grupos de música tradicional de España, Francia, Israel, Italia e Rumanía.

Óscar Gómez

Ourense | 13.06.2023 08:42

O Festival IGF Caravan homenaxea na súa nova edición a José Antonio Viñas | onda cero

A provincia de Ourense acolle do 15 ao 18 de xuño unha nova edición do Festival IGF Caravan, que levará no seu nome a José Antonio Viñas (1977-2021), promotor da música tradicional na provincia de Ourense dende a presidencia de Queixumes dos Pinos ou como vicepresidente da Unión Mundial de Folclore (IGF).

Esta edición do festival está coordinado por Queixumes dos Pinos e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, reunindo a grupos de música tradicional de España, Francia, Israel, Italia e Romanía nos concellos de Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín e San Cristovo de Cea.

O vicepresidente primeiro en funcións, Rosendo Fernández, interveu esta mañá xunto á xefa territorial de Cultura da Xunta en Ourense; Sandra Quintas; e a presidenta da Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, María Rita Mira nunha rolda de prensa de presentación na que tamén estiveron o alcalde en funcións de San Cristovo de Cea, Jose Luis Valladares, e Manuel Doval e Raúl Soto, concelleiros en funcións do Pereiro de Aguiar e de Nogueira de Ramuín.

O IFG Caravan- José Antonio Viñas é un festival de música popular, onde participan diferentes países mostrando a súa música e as súas diversas culturas. Nas súas seis edicións, organízase cada ano nun país diferente, para amosar non só a música senón tamén o patrimonio inmaterial do país organizador, así como a súa cultura gastronómica. Todos os países participantes e organizadores pertencen á Unión Mundial de Folclore (IGF), organización internacional nacida no ano 1947 e composta por máis de 40 países.

María Rita Mira agradeceu ás entidades colaboradoras o seu apoio para celebrar este festival que “para nós é moi importante por ser o primeiro que leva o nome de Jose Antonio, xa que aínda que o festival rotará por distintos países de Europa, queriamos que a primeira vez co nome de José Antonio fose aquí”. Por elo, animou a que a xente goce “desta gran manifestación de folclore”.

Rosendo Fernández pon en valor a figura de José Antonio Viñas

Ademais, no marco desta celebración a Unión Folclórica Mundial IGF xunto co Concello de Pereiro de Aguiar instalarán, no Santuario dos Gozos, unha placa en memoria de José Antonio Viñas, obra do escultor Camilo Seira, no Santuario dos Gozos, e que se descubrirá o 17 de xuño, ás 20,30 horas. “Unha placa que conmemora o labor de xestión, investigación sobre a cultura e o patrimonio inmaterial de Galicia, e a faceta de artista e formador de Viñas”, lembrou Rosendo Fernández.

Pola súa parte, María Rita Mira explicou que José Antonio Viñas tiña unha vinculación especial con este lugar porque “Queixumes dos Pinos naceu en Pereiro de Aguiar, ao lado mesmo do Santuario dos Gozos. Unha das primeiras cousas que fixo José Antonio foi unha danza para a Virxe dos Gozos e, durante 29 anos, agás os da pandemia, bailouse todos os anos e continuaremos a bailala alí sempre que poidamos”.

Sandra Quintas destacou o papel de José Antonio Viñas como “embaixador da cultura da nosa terra”, polo tanto é “un deber subliñar o seu traballo incesante na recuperación e na difusión da cultura tradicional galega en todos os seus ámbitos. Poñéndoa en valor dun xeito accesible a todo o mundo e devolvéndolle ao pobo o que é seu”.

Programación do Festival IGF Caravan José Antonio Viñas

O programa comezará o 15 de xuño cunha recepción oficial na Deputación de Ourense dos participantes que, posteriormente, visitarán a cidade. A partir das 19,00 horas, actuarán os grupos musicais no hotel balneario de Laias, Caldaria. O día 16 de xuño, comezarán ás 11,00 horas cunha visita guiada ao Mosteiro de San Pedro de Rocas e outra ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil que rematará cun paseo en catamarán pola Ribeira Sacra.

O 17 de xuño, as actividades comezarán pola tarde, a partir das 20,00 horas, co acto ecuménico no Santuario de Os Gozos. E, ás 20,45 horas, está prevista a inauguración da placa conmemorativa a José Antonio Viñas no atrio do Santuario. Para rematar a xornada, os grupos encherán de música a praza de Luíntra, en Nogueira de Ramuín. O domingo 18 de xuño, a música trasladarase a partir das 20,30 horas, ata a praza do Concello de San Cristovo de Cea.