Xunta de Galicia

Feijóo destaca o investimento de 70 millóns de euros para empresas do agro

Precisa que ata o 7 de marzo estará aberto o prazo da nova convocatoria de axudas para a transformación e comercialización; e ata o 9 de marzo o período de solicitude das axudas para a incorporación de mozos ao agro e para plans de mellora e pequenas explotacións.

Óscar Gómez

Ourense | 21.02.2022 13:55

Feijóo destaca o investimento de 70 millóns de euros para empresas do agro | onda cero

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou un investimento de case 70 millóns de euros para dar un novo pulo á competitividade das empresas do agro e á remuda xeracional.

Durante unha visita as instalacións da empresa Aceites Abril, Feijóo precisou que ata o vindeiro 7 de marzo estará aberto o prazo da nova convocatoria de axudas para a transformación e comercialización que, cunha achega de 30 millóns de euros -un 15% máis que a anterior edición-, facilitará, entre outras cousas, garantías (avais) para préstamos destinados a proxectos, así como expandir iniciativas.

Logo de recordar que este programa ten contribuído notablemente á competitividade do sector primario, con preto de 400 proxectos beneficiarios no período 2016-2020 e 100 millóns de euros investidos, o titular da Xunta salientou tamén que ata o 9 de marzo permanecerá aberto o período de solicitude das axudas para a incorporación de mozos ao agro, para plans de mellora e pequenas explotacións.

“Estamos a falar de máis de 37 millóns de euros destinados a favorecer a remuda xeracional no sector primario, para estimular a actividade e para favorecer a modernización do noso tecido produtivo no rural”, abundou, resaltando que, desde 2009, foron máis de 4.000 os mozos que se sumaron ao sector primario.

Ademais destas axudas, Feijóo afirmou que o Executivo galego seguirá apoiando a competitividade do rural a través doutras iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que conta con figuras como: os polígonos agroforestais, para mobilizar grandes superficies, como os dez nos que se está a traballar; as aldeas modelo; ou as agrupacións forestais de xestión conxunta.

Así mesmo, salientou que os fondos europeos Next Generation poden ser de grande axuda. Sobre este punto, recordou que entre os proxectos presentados por Galicia, está a posta en valor de 18.000 hectáreas de terra abandonada.

O responsable da Administración autonómica concluíu resaltando a aposta polo rural, pola calidade e por Galicia de Aceites Abril. “Non en van, estamos a falar dunha empresa que, cunha facturación de 300 millóns de euros, exporta a 60 mercados, entre eles, Romanía, Paquistán, Bangladesh, Nepal, Libia ou Corea do Sur”, resaltou.