A Farixa ven de recibir un premio á Innovación Tecnolóxica
O proxecto está impulsado polo CIFP A Farixa, e conta coa implicación do IES 12 de Outubro, o IES Universidade Laboral e as empresas INGEO, Novelle y Fernández Ingeniería SL Saint-Gobain Weber Cemarksa S.A, Fundación SALTOKI, SALTOKI VIGO, S.A.
O Centro Integrado de Formación Profesional a Farixa ven de recibir o impulso definitivo ao proxecto que, desde este curso, e coordinado por un grupo de profesores do centro, pretende implicar ao alumnado das distintas áreas formativas na construción dunha vivenda autosostible a partir dun contedor marítimo.
O premio á Innovación tecnolóxica e didáctica da Xunta de Galicia, que otorga a Dirección Xeral de Formación Profesional cuxa resolución foi publicada o pasado 12 de maio, supón un aporte de 24735€.
O proxecto está en marcha desde comezos de curso a través de tarefas prácticas dos distintos departamentos do centro ao redor dun contedor que foi adquirido e instalado o curso pasado no recinto do Centro Integrado. Coordinado por Iria Fírvida, profesora da área de Enerxía e Auga, plantéxase como un auténtico laboratorio experimental que permitirá ao alumnado aplicar coñecementos de primeira man a un proxecto en construción que implica un traballo multidisciplinar asociado aos estudios dos departamentos e centros que participan nel: Enerxía e auga, Obra civil, Electricidade e electrónica e Imaxe e Son, do CIFP A Farixa, Fabricación mecánica, do IES 12 de Outubro e Instalacións e mantemento, do IES Universidade Laboral.
O obxectivo é modificar un contedor marítimo para convertelo nunha aula tecnolóxica didáctica de enerxías renovables. Nunha primeira xa se executou a apertura de ocos e estase a traballar na colocación de fiestras e portas, para a continuación empregar solucións construtivas eficientes que diminúan a demanda enerxética do contedor.
Instalaranse sistemas tecnolóxicos que permitirán a máxima autonomía dos espazos didácticos creados na aula, con aproveitamento das seguintes fontes de enerxía primarias renovables: solar térmica, fotovoltaica, aerotérmia e xeotermia.
O proxecto inclúe o deseño dun sistema de monitorización que recollerá información sobre o funcionamento dos sistemas de captación de enerxía e dos puntos de consumo e redes de distribución. Deseñarase un algoritmo que establecerá as ordes para a regulación e control dos sistemas, obtendo datos sobre produción, gasto enerxético, rendementos…
Realizarase ademais a produción dun documental sobre a construción da aula tecnolóxica dende a gravación, execución técnica ata a montaxe do produto final.
Segundo Jose Manuel Paredes, director do centro “este proxecto é, probablemente a aventura máis ambiciosa de todas en cantas nos teñamos embarcado ata ao momento, pola súa ambición técnica por unha parte, pero tamén pola cantidade de profesionais e alumnado implicados”.