A estación de mercadorías é un anteproxecto que "se está estudiando e analizando"
Uxía Tizón subliñou que o Goberno “está no camiño, traballando no desenvolvemento e nun análise para a revisión do anteproxecto co obxectivo de acadar o mellor pór e para Ourense”
A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso dos Deputados, Uxía Tizón, compareceu esta tarde na comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para responder a unha proposición non de lei presentada polo PP sobre a futura estación de mercadorías de San Cibrao. Tizón salientou que o Goberno, a través do ADIF, xa está “analizando e valorando” un anteproxecto que o Delegado do Goberno en Galicia xa lle trasladou no seu día o propio ADIF. A deputada socialista tamén aproveitou para preguntarlle aos populares “en que momento Feijóo abandonou o proxecto?” e “por que non se recuperou o proxecto durante o goberno de Mariano Rajoy?”. Apuntou tamén a que a resposta do Ministerio a pregunta dos deputados ourensáns do PP “foi un erro, unha confusión de comunicación”.
Tizón lembrou que a Cidade de Transporte e a estación de mercadoría de San Cibrao era un obra que foi aprobada pola Xunta sendo Alberto Núñez Feijóo conselleiro de Política Territorial e Obras Públicas do goberno da Xunta e lembrou dúas novas relacionadas coa construción, apuntando a que en decembro de 2004, a Xunta anunciaba que a Cidade do Transporte estaría finalizada no primeiro trimestre de 2005 e que a terminal de mercadorías conectaría coa liña de ferrocarril Zamora-Vigo. Tamén sinalou a deputada ourensá que en decembro de 2010, Xestur, empresa pública dependente da Xunta comercializaría a segunda fase da cidade do transportes e que xa se traballaba en conseguir a conexión de ferrocarril.
Tras esta exposición, a deputada ourensá puxo foco en que “nunca deixa de sorprender a maneira en que o señor Feijóo se evade dos seus asuntos” e destacou que “a promoción deste tipo de terminais loxística pode ser levada a cabo tanto pola Xunta como pola propia Deputación de Ourense” e afirmou que “ambas administracións xa se postularon a favor do anteproxecto, pero non moveron ficha, non existe pretensión de incluír a construción nas iniciativas que pretenden captar fondos europeos”.
A deputada tamén valorou “positivamente” que o PP inste ao Goberno a traballar en dito anteproxecto e trasladoulle aos deputados e deputadas populares que o Ministerio de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana “xa se encontra actualmente en elaboración dunha iniciativa de impulso do transporte ferroviario de mercadorías no horizonte 2030”. Uxía Tizón tamén fixo fincapé no “rotundo” compromiso do actual Goberno de España con Ourense “tal e como comprobamos na celeridade da chegada do AVE tras anos de retraso e o compromiso cos empresarios que xa nos trasladaron este proxecto en reunións anteriores”.
A deputada ourensá aproveitou para destacar que unha planificación “de tal magnitude, non se xestiona de maneira precipitada e inminente, con resultados malos ou moi malos” e neste senso puxo o foco na estación intermodal de Ourense, na que a Xunta xa inaugurou a terminal de autobuses da que Tizón dixo que “non é a sombra do que debería ser”.
Tizón finalizou afirmando que “atopamos nun momento no que a nosa economía camiña cara a descarbonización e polo tanto a potenciación do ferrocarril é prioritaria e precisa a transformación do sector do transporte”. A deputada ourensá tamén subliñou que “estamos no camiño, desenvolvendo un análise e revisando o proxecto na procura do mellor pór e para Ourense”.
O Grupo Socialista no Congreso presentou unha emenda a proposición non de lei do Partido Popular sobre o anteproxecto da estación de mercadorías do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.