Entrega de instrumentos ao CEIP de Arnoia
A Deputación contribúe a manter a tradición musical cunha doazón do Obradoiro provincial de Instrumentos ao colexio de Arnoia.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, acompañado polo alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, entregou aos representantes do CEIP San Salvador un conxunto de instrumentos musicais integrado por dezaoito pezas, deseñadas e elaboradas polo Obradoiro de Instrumentos da institución provincial.
No Centro Cultural Marcos Valcárcel, a directora do colexio, María Beatriz Pascual, e o profesor de música, Alejandro Miguélez, agradeceron unha doazón que inclúe dez pandeiretas, cinco tambores, un pandeiro, un bombo e unha gaita.
César Fernández puxo en valor a entrega dos instrumentos realizados polo Obradoiro que dirixe Manuel Brañas, “un labor de construción e doazón que contribúe a conservar e manter a nosa tradición musical”. Ademais de potenciar as actividades musicais no colexio público, dixo Rodrigo Aparicio, “grazas a esta achega tamén se consolidará a colaboración que o centro de ensino mantén co grupo de gaitas de danzas Airiños de Arnoia, de tal xeito que os escolares que se forman no colexio poidan pasar despois ao grupo, que ensaia nas instalacións do colexio”.