A Diputación prepara un dispositivo para coordinar a axuda a Ucrania
O goberno provincial ofrécese para dar soporte técnico e canalizar toda a información referida á axuda humanitaria ofrecida dende os municipios ourensáns
A Deputación de Ourense está a preparar un dispositivo para coordinar a resposta dos concellos ourensáns ante a crise humanitaria de Ucraína. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, sinala que “nos poñemos á disposición dos concellos da provincia -dalgúns xa coñecemos as súas iniciativas- para coordinar a súa capacidade de resposta no referido a espazos, voluntarios, comida ou asistencia humanitaria”.
Manuel Baltar remarca o tradicional rol coordinador e mediador da Deputación de Ourense, aspecto clave nun momento crítico coma este. “Ofrecemos a nosa solidariedade: queremos evitar asincronismos, favorecendo sinerxías entre administracións, oenegués, tecido asociativo e os propios veciños”, sinala o presidente da Deputación, avanzando o dispositivo que está a perfilar a Área de Benestar do goberno provincial: “Apostamos por centralizar a resposta de Ourense, cunha relación de locais, persoal, material… todo o que os concellos estean en disposición de ofrecer para empregalo nun momento tan triste como este, tan dramático, pero no que debemos dar a mellor versión de nós mesmos”.
A Deputación habilita un correo electrónico [[LINK:EXTERNO|||(ourenseconucrania@depourense.es)|||(ourenseconucrania@depourense.es)]] e o teléfono 988 317 772 para atender e centralizar a información referida á atención da crise humanitaria que está padecendo o pobo ucraíno. Nas vindeiras horas enviará unha carta aos 92 concellos da provincia, explicando polo miúdo o dispositivo que se porá a disposición dos municipios.
Apoio ao alcalde de Maceda na súa expedición humanitaria
Manuel Baltar mantivo unha conversa telemática co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, que está encabezando unha comitiva solidaria para levar material humanitario ao pobo ucraíno -a través da Cruz Vermella- e recoller a 24 persoas -14 nenos 10 mulleres, nais dos cativos-, en coordinación coa Asociación Gallega de Ayuda a Ucrania. Quintas recorreu nas últimas 48 horas, xunto a outros cinco integrantes da expedición, uns 3.480 quilómetros ata a fronteira con Ucraína a bordo de catro vehículos -tres furgonetas e unha “pick-up”- pertencentes aos concellos de Maceda, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e a Mancomunidade do Ribeiro. Conseguidos os necesarios permisos administrativos para o desprazamento dos 24 refuxiados, voltarán a España garantíndolles todo o necesario para instalarse en Maceda.
Manuel Baltar trasladou todo o apoio da Deputación á comitiva, blindando o respaldo da institución provincial a estas accións humanitarias. Iniciativas como o requirimento, xa atendido por Deputación e Concello de Ourense, da localidade polaca de Ladek-Zdroj. A través do seu alcalde, Roman Kaczmarczyk, este municipio integrado na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA) solicitou ao resto de integrantes da rede europea de cidades históricas termais o envío de material humanitario para atender aos refuxiados que están cruzando a Polonia. “A solidariedade de Ourense, nun momento tan complicado a nivel internacional, está poñéndose de manifesto unha vez máis sobre a mesa”, destaca o presidente provincial.