O desemprego en Galicia é o menor en 27 anos e se situa por debaixo das 139.000 persoas
Na evolución mensual, Galicia é a terceira comunidade autónoma onde máis caeu o paro en termos absolutos e a cuarta en relativos. As afiliacións continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra a un nivel superior ao de hai 14 anos.
Galicia acadou no mes de maio a menor cifra de persoas desempregadas de toda a serie histórica (1996), desde hai 27 anos, e por primeira vez o dato se sitúa por debaixo das 139.000 persoas. A cifra menor ata o de agora reflectiuse o pasado mes, en abril de 2023, cando se contabilizaron 139.343 persoas sen emprego.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social, sinalou que é “unha cifra récord” e apuntou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na evolución anual como mensual.
O paro, con respecto a hai un ano e na comparativa con abril, caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.
Máis polo miúdo, na evolución anual o paro diminuíu nun -8% (-11.686 persoas). Por sectores, liderou o descenso o primario (-17,74%), seguido da industria (-13,95%), da construción (-10,89%) e dos servizos (-7,20%).
Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-12,67%) seguido das mulleres (-6,91%) e dos parados de longa duración (-3,15%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2005). Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun maio desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.059.085) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos, en maio de 2009.
Comparativa mensual
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -3,52% (-4.909), o que sitúa á comunidade autónoma como a terceira rexión onde máis caeu o paro en termos absolutos e a cuarta en relativos. Por sectores económicos, liderou a caída a construción (-3,94%), seguido dos servizos (-3,76%), da industria (-3,56%) e do primario (-2,41%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,84% (+8.770).
Ao respecto, Lorenzana destacou que Galicia duplica a baixada rexistrada na media das comunidades autónomas, xa que no Estado o desemprego decreceu nun 1,77%; e puxo de manifesto que o número de afiliacións creceu máis (+8.770) que a cifra de persoas que saíu do paro (-4.909), o que significa que a comunidade está a crear novos postos de traballo. Indicou así mesmo o bo comportamento de sectores relevantes para a economía galega como son o primario, a industria e a construción.
A conselleira, para rematar, fixo un chamamento ás empresas para que sigan a trasladar as súas vacantes a través da nova ferramenta tecnolóxica EMi, que sincronizará nas oficinas de emprego a oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial. Referiuse tamén á Estratexia Galicia Retorna, que permitirá que os emigrantes galegos que queiran volver á súa terra poidan atopar aquí un traballo, e explicou a importancia de traballar “na calidade do emprego, non só na cantidade” para crear traballo indefinido, xa que recordou que preto do 25% da totalidade de contratos indefinidos asinados en maio foron na modalidade de fixos descontinuos.
En definitiva, Lorenzana sinalou que “é preciso seguir a traballar coas políticas activas de emprego que están a garantir o bo comportamento do emprego en Galicia, apoiado pola boa evolución da economía”, engadiu. Neste último senso, lembrou que hai un días o IGE publicou que a economía galega medrou un 1,1% entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018.