A Deputación ultima o Plan de Vialidade Invernal para manter a seguridade
O operativo comezará o próximo día 15 e rematará o 31 de marzo de 2024, actuando desde seis bases no 40 % das estradas provinciais que atravesan zonas de máis de 700 metros de altitude.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou unha visita ao parque provincial de maquinaria, no polígono de San Cibrao das Viñas, onde se están a ultimar os preparativos do Plan de Vialidade Invernal, que cunha dotación de preto dunha vintena de vehículos, medio cento de profesionais e 950 toneladas de sal ten por obxectivo manter a seguridade nos 1.000 quilómetros de vías provinciais onde hai risco de neve e xeo.
Na visita, o presidente da Deputación estivo acompañado pola directora da área de Infraestruturas, Marta Docampo; o xefe da sección de Conservación e Explotación, Antonio Carlos Sánchez; e o responsable do parque, José Fírvida, que explicaron os aspectos máis relevantes do plan, que se porá en marcha o próximo día 15 e rematará o 31 de marzo de 2024.
Luis Menor destacou que gran parte da rede viaria provincial –composta por 266 estradas e un total de 1.850 quilómetros- vese afectada en inverno pola neve e o xeo, xa que o 40 % desas vías atravesan zonas que se atopan a más de 700 metros de altitude. “Isto supón que os medios da Deputación deberán atender durante catro meses e medio un total de 1.000 quilómetros de vías, co fin de facilitar e facer máis seguro o tránsito de vehículos, aínda que poderían ser máis quilómetros dependendo da cota de neve”.
Para desenvolver o Plan de Vialidade Invernal cóntase con seis centros operativos distribuídos por toda a provincia e con base en Ourense, Verín, Manzaneda, A Pobra de Trives, O Barco de Valdeorras e Viana do Bolo.
Os medios adscritos a este operativo son 7 camións quitaneves e un tractor invernal con saleiro e coitela como equipamento fixo: 6 niveladoras, 11 retroescavadoras, 4 camións con muíño e saleiro, e 3 vehículos “pickups” con coitela como equipo de reforzo ocasional.
No tocante a material fundente, cóntase cunha reserva de 950 toneladas de sal distribuídas en 9 almacéns e un silo. Cun equipo humano composto por medio cento de profesionais, os operadores de maquinaria realizarán en todo este tempo un especial esforzo para desenvolver as súas quendas de traballo e garantir así a atención ás estradas as 24 horas do día os sete días da semana.
Colaboración cos concellos
Ademais de atender ás vías provinciais, remarcou Luis Menor, a Deputación tamén coopera cos concellos e mancomunidades na vialidade invernal nas redes locais “mediante un convenio de cooperación para o subministro de fundentes e para a aplicación de tratamentos preventivos nas estradas municipais”, engadiu Luis Menor.
Na actualidade están adscritos a este convenio de colaboración un total de 47 concellos, así como tamén a mancomunidade de Celanova.