A Deputación patrocina a XV edición do Pórtico do Paraiso
O festival arrancará o 29 de abril co concerto de Americantiga Ensemble na igrexa de Santiago das Caldas, programado coma homenaxe das vítimas do covid e da guerra da Ucraína
Un evento organizado pola Asociación Pórtico Musical e patrocinado pola Deputación de Ourense e que, segundo definiu o vicepresidente primeiro provincial, Rosendo Fernández, “xa é un clásico, un referente, con propostas importantes no panorama internacional no eido da música culta”.
Rosendo Fernández resaltou a “aposta da Deputación pola cultura e pola cooperación interadministrativa e a alianza pública-privada” para acadar dun xeito máis eficiente os obxectivos, neste caso co deseño dun festival que conxuga “calidade e experiencia únicas”. O vicepresidente primeiro da Deputación valora tamén a capacidade do Pórtico do Paraíso para mesturar “música e patrimonio”, coa posta en valor de emblemas da provincia como os mosteiros de Santa Cristina de Ribas de Sil e Santa María de Montederramo, inéditos ata o de agora como escenarios do Pórtico do Paraíso.
No acto de presentación do festival, que arranca o vindeiro 29 de abril, tamén interviron o director do Pórtico do Paraíso, Juan Enrique Miguéns e a directora do Conservatorio de Ourense, Purificación Iglesias. Na sala de prensa estiveron acompañados pola coordinadora do festival, Conchi da Silva e Francisco Magide, edil de Cultura de Parada de Sil, municipio colaborador do festival en Galicia xunto ao Concello de Montederramo, a Xunta de Galicia e Clínica Dental Parracía.
Juan Enrique Miguéns destacou, “en estes tempos convulsos”, a proposta coa que arranca o festival: “Unha versión inédita en España do ‘Requiem’ de Mozart, descuberta recentemente polo director da Americantiga Ensemble e que se combinará coas intervencións poéticas de Conchi da Silva”. Este concerto irá adicado ás vítimas da pandemia e da guerra de Ucraína.
O director do Pórtico do Paraíso destaca que o festival “volve a súa liña máis internacional, con artistas que farán miles de quilómetros para tocar na provincia”. Miguéns lembra como dende a Asociación o traballo para “sumar edicións a pesar dos obstáculos, sempre co compromiso coa calidade”, agradecendo o patrocinio da Deputación e o resto de colaboradores: “Sen entidades públicas e privadas non sería posible este festival”. Juan Enrique Miguéns tamén sinalou a vontade de “dar protagonismo ao Conservatorio de Ourense no seu 65 aniversario, levando cursos de interpretación -Kyuhee Park e Raúl da Costa- e contando coa súa Orquestra Clásica para o concerto de peche en Montederramo.
A directora do Conservatorio de Ourense definiu como significativo a coincidencia do 65 aniversario cos 15 anos de festival, agradeceu a colaboración do director e da coordinadora do Pórtico do Paraíso para “manter encontros formativos con artistas de renome internacional”. Purificación Iglesias resaltou a importancia que ten na formación dos rapaces e dunha sociedade culta o ensino da música, situando como clave a colaboración entre administracións e sector privado para o desenrolo destes eventos.
Programación do 29 de abril ao 8 de maio
O festival arranca o venres 29 de abril co concerto do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (igrexa de Santiago das Caldas, 20,30 horas). O domingo 1 de maio, a Andrew Lawrence-King, “lenda vida da música antiga” segundo Miguéns, estará no mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil (19,00 horas), cun programa de música inglesa renacentista e barroca seleccionado especificamente para este concerto. O venres 6 de maio, a surcoreana Kyuhee Park tocará no Liceo de Ourense (20,30 horas), cun programa de música española. E pechará o festival no mosteiro de Santa María de Montederramo, o pianista luso Raúl da Costa, cunha primeira parte de Schumann e unha segunda co concerto número 9 de para piano e orquestra de Mozart en compañía da Orquestra Clásica do Conservatorio de Ourense (19,00 horas). En paralelo, haberá cursos de interpretación no Conservatorio de Ourense con Kyuhee Park (5 de maio) e con Raúl da Costa (4, 5 e 6 de maio).
Todos os detalles da XV edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso están [[LINK:EXTERNO||||||na súa web]]