Cooperación

A Deputación de Ourense e Xunta entregan 12 novas maquinas a concellos

Entre a Deputación e Xunta, no período 2024-2025, destinouse un orzamento de 6,5 millóns de euros para a entrega de maquinaria para a prevención e loita contra os lumes.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación de Ourense e Xunta entregan 12 novas maquinas a concellos | Deputación de Ourense

Esta acción enmárcase no protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e a Deputación posto en marcha desde o ano 2019, que permitirá coa entrega do 2026 chegar “a 62 concellos dos 92 que temos na provincia”, é dicir, dúas terceiras partes da provincia demostrando que estamos “no camiño a seguir porque estamos moito máis preparados”, dixo o presidente provincial.

Neste sentido, Luis Menor reivindicou o “traballo” realizado desde as administración en materia de prevención contra os lumes que, a través deste protocolo, permitiu non só entregar estes tractores aos concellos que “por eles mesmos non terían capacidade económica para poder facelo”, así como adquirir máis maquinaria para a Deputación, crear brigadas nas mancomunidades e impartir formación.

Unha colaboración que, como dixo o presidente provincial, é un “compromiso que manteremos porque a pesar de ser a deputación con menos orzamento somos a que máis se implica nesta materia”. Así mesmo, fixo un chamamento á cidadanía afirmando que a loita contra os lumes é “unha loita de todos”, afirmando que ademais deste traballo institucional é fundamental que a veciñanza “manteña limpa as súas fincas e os seus perímetros, para que “Ourense sexa unha provincia segura”.

6,5 millóns de euros no período 2024-2025

A través desta colaboración entre Deputación e Xunta, no período 2024-2025, destinouse un orzamento de 6,5 millóns de euros para a entrega de maquinaria (estes tractores e tamén máquinas multifunción); a posta en marcha de brigadas mancomunadas de seis meses; e a formación especializada deste persoal no Centro de Loita contra o Lume (CILL) da Xunta en Toén.

Na mesma liña, cómpre lembrar que se acaba de renovar o protocolo de cooperación e de asinar os novos convenios a través dos cales se suman, ás catro mancomunidades xa incorporadas, outras dúas que son as da Comarca de Ourense e a de Santa Águeda, chegando así a un total de seis.

Así mesmo, increméntanse as brigadas, que traballarán ao longo de seis meses, pasando de 16 a 22, cun investimento concreto para esta actuación de algo máis de 1,9 millóns de euros. O persoal destas brigadas xa se está formando nestes momentos nos diferentes cursos postos á súa disposición. En total, o orzamento para este 2026 aproxímase aos catro millóns de euros, entre o que achega a Consellería para brigadas e máquinas hidrostáticas polivalentes e o que aporta a Deputación de Ourense para a compra de máis tractores.