A Deputación de Ourense organiza en outubro o II Foro da Castaña
Trátase dunha das accións recollidas no convenio de colaboración asinado a través do Inorde e a Consellería de Medio Rural para a posta en valor do sector, a través do Centro de Desenvolvemento Agroforestal.
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza a segunda edición do Foro da Castaña no Multiusos de Riós, os días 6 e 7 e outubro, para analizar os retos e oportunidades que ofrece este sector, no que a provincia é a principal produtora de Galicia. Esta segunda edición contempla temáticas técnicas e prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións.
Esta acción é unha das actuacións recollidas no convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Consellería de Medio Rural para a posta en valor do sector da castaña a través do Centro de Desenvolvemento Agroforestal, dependente do organismo provincial.
A xornada do venres, 6 de outubro pola mañá, centrarase en cuestións técnicas a través de relatorios impartidos por profesionais do ámbito público e privado nas que se abordarán cuestións de interese como: o tratamento de pragas, a xestión conxunta de soutos tradicionais, tipos de plantas de castiñeiro, a recuperación dos soutos, entre outros. Pola tarde, o foro terá un enfoque máis práctico cunha exhibición de cociña e repostaría con castaña de Galicia, outra de poda e mantemento do castiñeiro e cunha conferencia sobre recomendacións para facilitar a revalorización e comercialización da castaña.
Ao día seguinte, o 7 de outubro, os participantes realizarán unha visita técnica á comarca do Bierzo en León para coñecer exemplos de “boas prácticas”. A saída permitirá aos participantes coñecer unha plantación nova de castiñeiros con orientación agrícola en Carracedelo, a “Agrupación de produtores de venta e comercialización de produto fresco”, de Corullón, así como unha empresa de conxelación de castañas e unha experiencia empresarial familiar de transformación e venda de castaña.
O foro está dirixido fundamentalmente a produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a empresas privadas e entidades públicas involucradas neste sector. Os interesados en asistir a este Foro poderán anotarse, de xeito gratuíto, no Centro Agroforestal de Riós, a través do número de teléfono 988423007, ou do correo electrónico centroagroforestal@inorde.com.
Máis información: https://inorde.com/es/elementor-8243/