Cooperación

A Deputación de Ourense cofinanciará a mellora de sies campos de futbol

Luis Menor afirmou que é “un día importante para a nosa provincia porque desbloqueamos proxectos que son prioritarios para seis concellos ourensáns”, mentres que os rexedores expresaron de xeito unánime a súa satisfacción pola sinatura deste convenio.

Óscar Gómez

Ourense | 15.12.2023 08:12

A Deputación de Ourense cofinanciará a mellora de sies campos de futbol | onda cero

A Deputación de Ourense investirá 1.580.000 euros para cofinanciar proxectos de mellora en seis campos de fútbol da provincia, onde se procederá á instalación de céspede artificial. Para tal fin, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, asinou no Pazo Provincial un convenio de colaboración cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Arnoia, Rodrigo Aparicio; Toén, Ricardo González; Amoeiro, José Luis González; Cartelle, Jaime Sousa; Lobios, María del Carmen Yáñez; e A Pobra de Trives, Patricia Domínguez.

Con estes acordos, a Deputación e os concellos asinantes sacarán adiante proxectos necesarios para os clubs que xogan en categorías superiores e que, en todos os casos, contan cunha gran afección. Estas obras de mellora terán continuidade o vindeiro ano a través do Plan de Infraestruturas que se asinará a comezos do 2024 coa Xunta de Galicia, e acometer despois outros proxectos pendentes.

Trala sinatura do convenio, Luis Menor afirmou que con este compromiso “continuaremos a traballar para que Ourense sexa un lugar referente para a practica deportiva”. Destacou neste sentido o apoio do goberno provincial co deporte ourensán e, sobre todo, co deporte base, afirmando que é un “día importante para a nosa provincia porque desbloqueamos proxectos que son prioritarios para seis concellos ourensáns”.

Neste sentido, os rexedores agradeceron de xeito unánime ao presidente provincial a súa disposición e compromiso para afrontar un importante investimento para a mellora das súas instalacións deportivas que beneficiará aos clubs que xogan nestes campos.