A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, aprobou a adhesión á declaración institucional que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), fará pública o próximo xoves, 15 de outubro, con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. Unha adhesión que reafirma o compromiso do goberno provincial coas mulleres que viven e levan a cabo a súa actividade profesional nas zonas rurais, como principais aliadas do desenvolvemento social e económico destas áreas.
Na orde do día da Xunta de Goberno tamén figuraban outros asuntos, entre eles unha modificación do Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais do Concello de Calvos de Randín, cuxo goberno local solicitou a anulación dunha obra prevista inicialmente no plan, a rehabilitación dunha reitoral para centro de día, co fin de acollerse á modificación da base 9ª do Plan Provincial sobre o réxime especial para os concellos a causa da pandemia, o que suporá o ingreso nas arcas municipais dos 51.000 euros que para cada concello da provincia aporta a Deputación neste plan, sendo destinados ao desenvolvemento de medidas contra a Covid-19.
Na sesión de hoxe tamén se aprobaron senllas subvencións, a primeira delas por un importe de 14.000 euros para o Concello da Gudiña con destino á reforma e adaptación dunha nave para a maquinaria dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES). A segunda subvención ten como destinataria á Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, que recibirá 20.000 euros en concepto de axuda para gastos de funcionamento.