Infraestructuras

A Deputación desenvolve un proxecto de seguridade viaria nas estradas provinciais

O plan afectará a preto de 500 quilómetros de oito vías nas que se rexistra un maior número de sinistros e se executará mediante a aplicación de substancias repelentes e sistemas disuasorios por ultrasóns.

O presidente provincial, Manuel Baltar, explicou que o proxecto xurdiu dun estudo sobre a sinistralidade nas estradas provinciais como consecuencia do atropelo de animais salvaxes, que se suma, engadiu, “aos programas de sinalización que vimos desenvolvendo nos tramos máis perigosos para garantir a seguridade viaria”

Óscar Gómez

Ourense | 07.01.2022 08:44

A Deputación desenvolve un proxecto de seguridade viaria nas estradas provinciais | Faro de Vigo

A Deputación de Ourense, a través da Área de Infraestruturas, está a desenvolver un proxecto piloto coa instalación de inhibidores de fauna nas estradas da rede provincial, co obxectivo de reducir o número de accidentes de tráfico provocados pola irrupción de animais salvaxes na calzada. O plan afectará a preto de 500 quilómetros de oito vías provinciais nas que se rexistra un maior número de accidentes e se executará mediante a aplicación de substancias repelentes e sistemas disuasorios por ultrasonidos.

O presidente provincial, Manuel Baltar, explicou que o proxecto piloto xurdiu dun estudo sobre a sinistralidade nas estradas provinciais como consecuencia do atropelo de animais salvaxes, cuxos resultados evidenciaron que se estaba a producir un incremento no número de incidentes. Desde hai anos, engadiu, “vimos desenvolvendo programas de sinalización nos tramos máis perigosos para garantir a seguridade viaria advertindo aos condutores da presenza de animais”. Non obstante, e ante o constatado aumento da fauna salvaxe “estudamos a implantación de novas medidas que evitasen a proximidade dos animais ás estradas, decidíndonos a probar a instalación de inhibidores”.

A rede de estradas da Deputación de Ourense ten unha extensión de 1.850 quilómetros, dos que a gran maioría discorren por áreas rurais, razón pola que entre os accidentes de tráfico máis números figuran os atropelos de fauna salvaxe, na súa meirande parte xabarís e corzos. Así, na relación de vías provinciais máis afectadas figuran un total de 14 tramos que entre 2015 e 2020 acumularon preto de 500 sinistros.

Cun orzamento de case 50.000 euros e durante un período experimental dun ano, os inhibidores colocaranse ao longo de preto de cincocentos quilómetros de vías provinciais que discorren por catorce concellos: Celanova, Quintela de Leirado, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Trasmiras, Sarreaus, Xinzo de Limia, Cualedro, Calvos de Randín, Os Blancos, Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo.

Dous son os sistemas elixidos. O que máis se empregará será a aplicación de substancias repelentes como feromonas de depredadores destes animais utilizándoos como elemento disuasorio oloroso. Un “ambientador natural” que quedará impregnando en árbores, pedras ou mallas de cerramento e cun forte cheiro que escorrenta aos animais. O segundo sistema, que será o minoritario, correspóndese coa colocación de inhibidores por radiofrecuencia nas marxes da estrada, situados en postes de menos dun metro de altura, que emiten un sinal acústico que tamén evita a proximidade dos animais á estada.

De resultar efectiva, esta experiencia estenderíase a todos aqueles tramos de vías provinciais onde haxa un maior número de sinistros destas características.