Cooperación

A Deputación colaborará coa Universidade de Vigo na ampliación do Campus de Ourense

Manuel Baltar incide no compromiso da Deputación coa UVigo, definido co convenio anual e reforzado agora “coa colaboración nun proxecto fundamental para o Campus, como é a ampliación das súas instalacións e dos seus terreos”.

Óscar Gómez

Ourense | 13.02.2023 08:06

A Deputación colaborará coa Universidade de Vigo na ampliación do Campus de Ourense | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro no Pazo Provincial co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e coa vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, para avanzar o apoio económico da institución provincial ao proxecto de ampliación das instalacións do Campus de Ourense. Este acordo de colaboración enmárcase na dinámica de apoio que mantén a Deputación coa universidade, e quedará concretado cunha achega de 1,2 millóns de euros incluída na modificación de crédito que irá ao vindeiro pleno ordinario de febreiro para a súa aprobación.

Despois da reunión, Manuel Baltar remarcou que “a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo seguen coa súa liña de colaboración máxima, polo que agora acordamos que a Deputación tamén colaborará economicamente nun proxecto fundamental de expansión do Campus de Ourense, que é a ampliación das súas instalacións e dos seus terreos”.

“Este acordo de cooperación da Deputación coa UVigo é, como outros no pasado, esencial”, define o presidente do goberno provincial antes de sinalar que esta achega “marcará un antes e un despois e seguirá reforzando esa alianza permanente entre a Universidade de Vigo, a través do Campus de Ourense, e a Deputación”.

O reitor, Manuel Reigosa explica que “o Campus de Ourense está vivindo agora un momento moi importante. Por unha banda, estanse a implantar novas titulacións que contan cun amplo percorrido. Tamén a nivel investigador estamos sendo atractivos para o talento internacional polo que precisamos unha ampliación pensando no Campus de Ourense do futuro”.

“Por isto, para nós é prioritaria esta ampliación na que a Deputación nos está ofrecendo a súa axuda e, como en tantas outras actividades, eu só podo agradecer o traballo da Deputación coa Universidade, estando xuntos nesta e noutras importantes inquedanzas. Para nós isto significa deixar unha Universidade mellor para o futuro”, conclúe o reitor.

Pola súa banda, Elena Rivo sinala que “o Campus de Ourense é un campus en continuo crecemento, leva crecendo tódolos anos, non só en número de alumnado mais tamén a nivel de investigación, docencia e titulacións. Polo tanto, necesitamos ampliar as nosas instalacións e os nosos espazos, e como sempre a Deputación é unha aliada fundamental”.

Este novo acordo súmase ao convenio anual, dotado en 2023 con 300.000 euros -o máis elevado da historia da Universidade de Vigo-

Este acordo de colaboración entre a Deputación e a UVigo enmárcase na dinámica de apoio do goberno provincial ás actividades desenvoltas no Campus de Ourense. Así, froito desta estreita relación téñense realizado proxectos comúns que resultan no desenvolvemento e dinamización da provincia.

O pasado 11 de xaneiro, Manuel Baltar e Manuel Reigosa asinaban o convenio anual de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, dotado en 2023 con 300.000 euros, o máis elevado da historia da Universidade de Vigo. Estes fondos da Deputación de Ourense apoiarán a creación da Cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico, "unha ferramenta única no sistema universitario galego, que afonda na preocupación polo desenvolvemento do noso medio rural e das súas potencialidades a través do talento que hai na UVigo e que permite proxectar o Campus e a provincia”, segundo sinalou Manuel Baltar na rolda de prensa de sinatura deste convenio anual.

No amplo catálogo de actividades para a comunidade universitaria que contarán coa colaboración da Deputación en 2023 destaca o programa específico de apoio a grupos de investigación do campus de Ourense (INOU 2023), un plan de apoio á mobilidade estudantil, bolsas para o alumnado do rural ourensán ou o Curso Avanzado de Posgrao de Didáctica da Ficción e Creación Literaria.

Ademais destas actividades principais, tamén forman parte da colaboración o resto de accións de extensión universitaria entre os que se atopan diversos cursos e obradoiros -entre eles, un curso de audiovisual organizado pola Fundación Carlos Casares-, exposicións, roteiros culturais, actividades de teatro e coro, ciclo de documentais, a participación nos programas "Portugués Perto" e "Aldear", a celebración do Día das Letras Galegas, e outras actividades de carácter cultural.