A Deputación colabora co Concello de Vilar de Barrio na loita contra incendios
“Seguimos traballando para que Ourense sexa unha provincia máis grande”, afirmou Baltar, destacando os proxectos nos que xa están a traballar Deputación e Concello
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou Vilar de Barrio onde na compaña do alcalde, Manuel Conde, analizou as liñas de colaboración abertas entre a institución provincial e o Concello en materia de infraestruturas viarias, medio ambiente -coa posta en valor da Serra de San Mamede- e accións culturais. Na casa consistorial, onde se celebrou unha xuntanza á que tamén acudiron membros da corporación, Manuel Baltar anunciou unha nova vía de cooperación desta volta no ámbito da prevención de incendios forestais.
O presidente da Deputación avanzou que na modificación de créditos que se presentará ao pleno da corporación provincial de abril figura unha partida para a adquisición de 12 tractores de roza, en colaboración coa Xunta, destinados á loita contra os lumes en 12 municipios da provincia. Un capítulo no que estará incluído o Concello de Vilar de Barrio, que poderá así contar con maquinaria propia para estes labores de prevención dentro do acordo pioneiro -único en Galicia- entre a institución provincial e a Consellería de Medio Rural neste eido.
“Seguimos traballando para que Ourense sexa unha provincia máis grande”, afirmou Manuel Baltar, que ademais de destacar os proxectos nos que xa están a traballar Deputación e Concello tamén quixo poñer en valor o cofinanciamento doutras iniciativas con outras administracións, como é o caso da Xunta.
Manuel Conde agradeceu pola súa banda a visita de Manuel Baltar, engadindo que “os concellos máis pequenos non poderíamos afrontar o noso desenvolvemento sen a axuda económica de entes tamén locais como a Deputación”. O rexedor tamén lle agradeceu a Baltar que “se ofreza como interlocutor con outras administracións para poñer a Vilar de Barrio no mapa, un interese común e colectivo do que estou orgulloso”.