A Deputación aproba 1,1 millóns de euros en axudas a 39 proxectos municipais
En cooperación local, a Xunta de Goberno aprobou 19 solicitudes de subvención, por un importe de máis de 666.000 euros.
En cooperación local, a Deputación deu o visto bo a 19 solicitudes de subvención, por un importe de máis de 666.000 euros. Entre as axudas aprobadas neste capítulo figura unha achega para o funcionamento da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro (20.000); para as portas do Xurés de Bande (10.000); o arranxo da sede da Fundación Carlos Velo no Concello de Cartelle (75.000); as obras na piscina de Castrelo de Miño (48.000); e o asfaltado de rúas en Castrelo do Val (48.000 euros).
O Concello de Cortegada tamén terá unha subvención para promoción turística (3.000) e Cualedro para a recuperación do patrimonio etnográfico do Entroido (6.000). Lobios recibirá senllas axudas para o Xures Experience (12.000) e para as portas do Xurés neste municipio (10.000). En Maceda contarán con axuda para a mellora do firme en Outeiro da Torre (case 48.000 euros); en Oímbra para a Festa do Pemento deste ano (10.000); e para redes de abastecemento e saneamento en Riós (máis de 81.000 euros).
Con idéntica cantidade en cada caso -48.000 euros-, en Toén redactarase o proxecto para a Casa Pai Miño; en Trasmiras executarase a mellora das piscinas municipais de Vilaseca; na Veiga realizarán obras de saneamento; e no Concello de Verea realizaranse obras na cuberta do Fogar Residencial. Xinzo de Limia tamén disporá de dúas achegas: unha para a primeira fase do XIV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas (15.000) e outra para a adquisición do inmoble que acollerá a sede da Fundación Carlos Casares (60.000). Completa este apartado unha axuda de 28.000 euros para o Concello de Xunqueira de Espadanedo con destino ao Museo Taller de Olería de Niñodaguia.
Plan Reactiva 45 da CEO e axudas ao sector vitivinícola
Polo que respecta á colaboración con entidades, na sesión desta mañá da Xunta de Goberno aprobáronse unha vintena de axudas por importe de 478.000 euros. En materia de promoción económica, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) disporá de 45.000 euros para o plan Reactiva 45; a asociación Ruta do Viño do Ribeiro recibirá 20.000 para o seu posicionamento en internet; e o Consello Regulador do Ribeiro terá 60.000 euros para actualizar o seu rexistro de patrocinios.
No ámbito social, Aixiña contará con axuda para gastos de funcionamento no presente ano (50.000 euros); a Fundación Gavela, que defende os dereitos das persoas con enfermidades mentais, poderá manter os seus servizos xurídicos (60.000); e a Asociación de Persoas Xordas de Ourense poderá executar un proxecto provincial (25.000).
Ciclismo, fútbol, atletismo e motor
En Deportes, a Fundación Ado Moure pro Deporte disporá de axuda para o “Día da Bici” deste ano (12.000 euros); o Verín Club de Fútbol para gastos de funcionamento (17.500); como tamén coa mesma finalidade para o Centro de Deportes Barco (18.000) e para o Ourense Club de Fútbol SAD (50.000). A Federación Galega de Atletismo recibirá unha achega para actividades en pista cuberta (10.000); a Escudería AGE Motorsports para a Subida A Saleta (3.000); a Escudería Valdeorras para a V Subida a Valdeorras (20.000); e á escudería ourensá Gayoso´s Competición para participar no Campionato de Europa de car-cross (10.000).
Os ámbitos da cultura e do patrimonio tamén contarán con subvencións, entre elas para gastos de funcionamento do Pen Club Galicia (25.000 euros), así como tamén co mesmo obxectivo para o instituto de Estudos Valdeorreses (13.500). A Agrupación de Libreiros de Ourense disporá de axuda para as súas actividades (5.000) e a Fundación Vicente Risco recibirá dúas subvencións: unha para o premio de Ciencias Sociais (1.500) e outra para o premio Antón Risco de Novela (2.000). A Diocese de Astorga recibirá tamén unha achega para a igrexa de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras (30.000).
Modificación do Plan provincial de Cooperación
Sinalar por último a aprobación de dúas modificacións do Plan provincial de Cooperación que afectan aos concellos de Monterrei e Arnoia, que acordaron unirse á base 9ª do programa. Trátase dunha opción posta en marcha no ano 2020 como un réxime especial para facer fronte á pandemia. As entidades locais poden solicitar todo o importe da achega provincial -51.000 euros- para amortizar créditos ou financiar gastos correntes por prestación de servizos.