Cooperación

A Deputación afianza a súa colaboración con Vilar de Santos

Os catro proxectos que contarán con financiamento provincial suman máis de 100.000 euros e serán incluídos no expediente de modificación de créditos que se presentara ao pleno de setembro

Óscar Gómez

Ourense | 19.05.2022 09:54

A Deputación afianza a súa colaboración con Vilar de Santos | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o Concello de Vilar de Santos para ratificar nunha reunión de traballo ao novo alcalde, Antonio Míguez, o apoio do goberno provincial a catro proxectos relacionados cos ámbitos da eficiencia enerxética, infraestruturas e cultura. Cun importe global superior a 100.000 euros, estas actuacións serán incluídas no expediente de modificación de créditos que se presentará ao pleno do mes de setembro.

Unha importante achega “que grazas á nosa xestión permite afianzar a colaboración entre a Deputación e o Concello, unha liña de traballo que tamén percibo tanto no alcalde como no equipo de goberno”, asegurou Manuel Baltar.

Baltar explicou que os proxectos nos que vai a cooperar o goberno provincial xa foran analizados durante o encontro que mantivo no Pazo Provincial co novo alcalde, logo da súa toma de posesión no pasado mes de marzo. “Este Concello é un exemplo de dinamización do medio rural e nós imos seguir acollendo iniciativas que vaian neste sentido, respondendo aos concellos como administración máis próxima á veciñanza e desde a Deputación como máis próxima aos concellos”.

Antonio Míguez expresou o seu agradecemento e o do equipo de goberno por esta visita institucional a Vilar de Santos, así como tamén “por contar co apoio da Deputación, básico para os concellos que somos máis pequenos”.

Os proxectos que contarán con financiamento por parte da Deputación pertencen ao ámbito da eficiencia enerxética, a realizar no lugar de Vieiro e na zona do Centro de Día (52.000 euros); a humanización e mellora das rúas Fornos e Seixo, incluídas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Vilar de Santos (27.000 euros); a pavimentación de pistas da parcelaria en Casas da Veiga (18.000); e para o mantemento e funcionamento do Museo Etnográfico da Limia (12.000). Precisamente, o presidente da Deputación visitou este espazo museístico ao acabar a reunión desta mañá no Concello de Vilar de Santos.