Correos presenta un selo dedicado ao edificio do antigo convento de San Francisco
A estampa forma parte da serie filatélica Patrimonio Artístico e conta cunha tiraxe de 125.000 exemplares.
Un selo de Correos promocionará o antigo convento de San Francisco, na cidade de Ourense, a través dos envíos postais e das coleccións filatélicas. O Arquivo Histórico Provincial acolleu esta mañá a presentación da estampa que Correos lle dedica a este edificio singular, que anteriormente fora convento e cuartel.
No acto participaron o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o director do Arquivo Histórico Provincial, Pablo Sánchez Ferro, o subdelegado de Defensa, Jesús Antonio Peñas Preckler, e a directora de Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera Hervás.
Con este selo, Correos quere contribuír en poñer en valor a historia e a beleza arquitectónica da edificación, no ano do centenario da declaración como ben de interese cultural.
O alcalde valorou moi positivamente esta iniciativa, xa que a edición e difusión deste selo daranlle “unha visibilidade moi importante” á cidade. Agradecéullelo aos impulsores desta edición e expresou o seu desexo de que contribúa á promoción desta “xoia que temos en Ourense” e que atraia á cidade moitos visitantes “que aínda non a coñecen”.
O selo pertence á serie Patrimonio Artístico, conta cunha tiraxe de 125.000 exemplares e un valor por unidade de 1’65 euros. Pódese adquirir nas oficinas de Correos, en Correos Market ou a través do servizo filatélico da compañía