Concello e Xunta porán en marcha o obradoiro de emprego Montealegre
Cun orzamento de 636.000 euros, durará un ano e incluirá un módulo de albanelaría e pavimentación e outro de repoboamento forestal e tratamento silvícola.
O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia porán en marcha este ano o Obradoiro de emprego Montealegre 3, que dará formación de carácter teórico e práctico a un total de 20 persoas desempregadas coa finalidade de mellorar a súa cualificación e axudalas a acceder a un posto de traballo. O proxecto conta cun orzamento total de 636.919,11 euros. O Concello de Ourense recibiu esta semana a comunicación oficial da administración autonómica de que apoiará economicamente esta iniciativa.
O proxecto consta de 2 módulos. Un deles estará dedicado a albanelaría e pavimentación, e o outro a repoboamento forestal e tratamento silvícola. As persoas participantes como alumnos e alumnas terán a posibilidade de obter a certificación profesional do nivel 2. Tamén formarán parte do proxecto outras 4 persoas: 1 asumirá a dirección, outra a secretaría e outras 2 a docencia. O obradoiro botará a andar antes de rematar o actual ano 2022.
Obradoiro dual de emprego
Os obradoiros duais de emprego como este teñen como obxectivo incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas. Con esta finalidade, aquelas que participen en Montealegre 3 disporán durante 12 meses da oportunidade de acceder a unha formación de calidade, de carácter tanto teórico como práctico, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ao tempo, desenvolverán actuacións que redundarán na mellora dun espazo público tan senlleiro como o Parque de Montealegre.
Para acceder ao obradoiro terán prioridade as persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral