O Concello revolucionará o tranporte urbano, cun autobús cada 9 minutos
O Metro-bus constará dunha liña troncal Norte-Sur de autobuses eléctricos cada 5 minutos, na que desembocarán os procedentes de todos os barrios.
O 100% dos barrios de Ourense cidade terán un autobús urbano cada 9 minutos. Así o avanzou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen explica que o Concello ultima unha revolución no transporte público na cidade que garantirá servizos “cunha cobertura e frecuencia inéditas en España”, e que suporá dispoñer “de facto, un metro de superficie”.
Ourense terá un “servizo premium”, asegura o alcalde, quen detalla que “as paradas de buses estarán situadas a un radio inferior de 600 metros do 90% das vivendas de Ourense. Trátase de optimizar, reconfigurar liñas e crear un novo concepto de bus urbano”, explica o rexedor. O alcalde ultima a licitación do servizo de transporte, e a compra de 43 novos autobuses para este mes de outubro, no seu sistema que en Ourense denominarase Metro-Bus
As novas liñas, deseñadas integramente polo propio rexedor, basearanse nunha liña troncal Norte-Sur de alta frecuencia, que circulará cada 5 minutos. A esta liña desembocarán todas as procedentes de todos os barrios urbanos, que terán unha frecuencia de 9 minutos. Desaparecerán, en consecuencia, os horarios fixos dos autobuses urbanos e usarase un medidor de intervalo de frecuencias entre autobuses, tal como fan as liñas de transporte do metro.
Un autobús cada 5 minutos na liña troncal
Haberá un autobús Estación de tren – Centro - Residencia cada 5 minutos na liña troncal Norte – Sur, con 18 paradas e/ou intercambiadores. Nas demais liñas, pasará un autobús cada 8 - 9 minutos como tempo máximo de espera, á Cruz Alta, O Couto, San Francisco, Vista Hermosa, Mariñamansa, O Vinteún, A Cuña, Barrocás, Campus, A Carballeira, etc...
Por exemplo, desde o centro de Ourense haberá un autobús cada 8 - 9 minutos á Biblioteca - Auditorio en Cruz Alta, e o autobús de San Francisco chegará ao centro de saúde da Cuña. O Concello mellorará tamén o servizo das zonas do Ourense rural, con mellores frecuencias, pero aquí si se manterán os horarios prefixados das rutas.
O feito de dotar toda a cidade dun transporte urbano como o "Metro-Bus", revalorizará todas as urbanizacións, reducirá o uso dos vehículos privados, a contaminación, os embotellamentos, os problemas de aparcamento, ademais do consecuente aforro do peto dos cidadáns.
Compra de 43 novos vehículos
Para levar a cabo o concepto Metro-Bus, os novos vehículos -cuxa compra de 14 millóns de euros licitará o Concello a principios de outubro- deberán adaptarse á nova filosofía de liñas e, tras o período de fabricación, chegarían á cidade no inverno de 2022. Por iso, o 75% da flota será de tamaño medio e micro-buses, para satisfacer a necesidade de alta frecuencia de toda a cidade. Ademais dos 10 buses de 10 metros eléctricos, compraranse 15 buses de 10 metros e 17 microbuses para a alta frecuencia nos barrios.
Así, só serán buses longos de 12 metros, as 10 unidades de buses eléctricos da liña troncal Norte-Sur, dos que se solicitará a Europa unha subvención de 200.000 € por unidade.