O Concello patrocina as Festas de San Francisco
O alcalde anima a veciñanza a desfrutar coas festas da zona Leste da cidade “unha das 3 grandes dos barrios de Ourense”. As actividades requirirán realizar cortes de tráfico nas rúas Pena Trevinca e Serra de Queixa.
O Concello de Ourense patrocinará as Festas de San Francisco, que se desenvolverán desde o venres, 6, até o domingo, 8 de outubro. O programa de actividades comezará o venres, coa Festa da Xuventude, a cargo da macrodiscoteca A Gramola, desde as 23.30 h. Continuará o sábado, 7, con pasarrúas a cargo dunha charanga, o DJ Pablo Marqués, ás 23 h, pregón ás 23.50 h, actuación da orquestra Olympus, de 0.00 a 2.00, segunda sesión de Pablo Marqués de 02 a 2.45h, e segunda sesión da orquestra de 2.45 a 4.00 h. A programación continuará o domingo, coa orquestra Marbella de 19 a 22.30h.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima a veciñanza a participar na celebración: “O Concello de Ourense patrocinará esta fin de semana unha das 4 festas dos puntos cardinais de Ourense, neste caso as do Leste, as de San Francisco, unha das 4 grandes dos barrios de Ourense. Estas festas, que se perderan, estámolas recuperando con forza nos últimos anos. O ano pasado xa conseguimos unha multitude de xente en Pena Trevinca e este ano esperamos repetir”, asegura, coas diferentes actividades programadas: DJ, A Gramola e orquestras “top”, ademais das charangas e as barracas.
“En Ourense estamos recuperando as festas, que realmente enchen de orgullo o barrio; son uns días de lecer, que a xente desfruta e neste caso San Francisco, que tiña sempre nos anos 70 e 80 unha das grandes festas da nosa cidade, as volvemos recuperar, como xa se recuperaron festas noutros lugares da cidade. Así que non o olviden, esta fin de semana grandes festas en San Francisco venres, sábado e domingo”, anima o alcalde Gonzalo Jácome.
Dispositivo de tráfico polas festas
Con motivo das celebración das festas, estará prohibido estacionar vehículos desde o venres ás 16 h na rúa Pena Trevinca, entre a rúa da Coruña e a pasarela peonil; e na rúa da Coruña, en sentido descendente. Nesta última tamén estará prohibido estacionar o sábado, en sentido ascendente.
Desde as 9.00 h do xoves pecharase ao tráfico rodado a rúa Serra de Queixa, entre Pena Trevinca e Monte Seixo, agás para as persoas residentes con praza de garaxe, que poderán acceder en sentido contrario. Tamén se pechará ao tráfico rodado a rúa Pena Trevinca, no treito comprendido entre a rúa Emilia Pardo Bazán e a rúa da Coruña, desde o venres até o domingo, en diferentes franxas horarias: desde o venres ás 19 h até o sábado ás 6 h; o sábado desde as 12 até o domingo ás 8.00 h, e o domingo desde as 12.00 até as 2.30 h do luns. Durante estes cortes de tráfico, as persoas residentes con praza de garaxe na zona poderán acceder a ela ou ben pola parte superior de Peña Trevinca (esquina coa estrada da Granxa) ou polas rúas Xosé Ramón Fernández Oxea, Julio Prieto, San Cosme e Cabeza de Manzaneda. A saída da zona será sempre por Pena Trevinca, en sentido ascendente cara a Emilia Pardo Bazán.
O dispositivo deseñado pola Policía Local de Ourense prevé que durante os espectáculos podería chegar a efectuarse outro corte de tráfico en Xosé Cornide con Nosa Señora da Saínza. De ser o caso, a circulación de vehículos encarrilaríase en sentido ascendente desde Ramón Puga coa rúa da Saínza, e se permitiría so o acceso aos garaxes da rúa Coruña e rúa Galicia. Durante os espectáculo non estará permitido o uso para entrada ou saída de vehículos nos vaos comprendidos entre os inmobles do 34 ao 44 de Pena Trevinca.