O alcalde Gonzalo P. Jácome, acompañado por outros membros da corporación e persoal de confianza, desprazouse da Residencia até a Alameda nun dos novos autobuses que comezaremos a ver pola cidade de Ourense: os chamados “busitos”.
O alcalde destacou as características deste novo vehículo: “da marca ISUZU de oito metros e medio, dos urbanos máis pequenos do mundo, o que lle permitirá manobrar mellor e cunha capacidade de 21 prazas sentadas e de pé poderían chegar a corenta de maneira folgada aínda que poderían chegar a ir 60 persoas, segundo permite na lei”.
O Concello de Ourense mercou 15 unidades semellantes á inaugurada hoxe que se irán incorporando paulatinamente, de dous a tres por semana para, a continuación incorporar os autobuses eléctricos e chegar a un total de 40 novos vehículos que completarán a renovación da frota para a cidade de Ourense.
O alcalde anunciou tamén que se vai facer un prego exprés que agarda que estará asinado nuns dez ou quince días e ao tempo sairá a concesión para 10 anos para que non estea en precario.
Con esta incorporación de novos autobuses, o alcalde engade que “ hoxe é un bo día para Ourense e o ano que vén iranse introducindo as novas rutas e mais a gratuidade total que seremos os primeiros de España en facelo e que a xente o desfrute”.