O Concello de Ourense instalará un ascensor que facilitará a accesibilidade entre a Av. de Marín e a de Santiago
O alcalde cualifica de “vital” este proxecto, xa que “unirá por primeira vez dous barrios”, e garantirá unha “conectividade total” coas futuras liñas do servizo de autobuses e coa “futura ou hipotética” estación do tren.
O Concello de Ourense mellorará a accesibilidade entre a avenida de Marín e a avenida de Santiago coa instalación dun ascensor. O Servizo de Infraestruturas recibiu o proxecto técnico desta intervención, que dotará de permeabilidade dúas rúas actualmente comunicadas por unha escaleiras de forte pendente. A solución adoptada é a dun ascensor con dobre embarque e capacidade para 12 persoas, que salvará a diferencia de cota (7,87 metros) existente entre ambas rúas e desembocará na avenida de Santiago a través dunha pasarela.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou a importancia deste proxecto, que considera “vital” dentro do programa de actuacións que desenvolve o Concello para favorecer a mobilidade vertical na cidade. A este respecto, subliñou que o elevador comunicará dúas avenidas que contan cun elevado uso peonil, nunha contorna ademais próxima á incluída no proxecto da futura estación de tren, e á Praza da Mariña, de xeito que facilitará o uso das futuras liñas Norte – Sur e Troncal do servizo municipal de autobuses urbanos. Será un dos elevadores “máis baratos, porque é realmente económico, e dos máis vitais de Ourense”, concluíu o rexedor.
O proxecto pretende solucionar o problema de accesibilidade na confluencia da avenida de Marín coa de Santiago, unha zona na que é necesario salvar un desnivel de 7,87m para os desprazamentos peonís. O percorrido pode facerse ben por un acceso lateral con forte pendente, paralelo á avenida de Santiago -que obriga a percorrer unha distancia aproximada de 100m-, ben salvando os tramos de escaleiras. Tamén se pretende darlle solución ao uso da bicicleta, xa que as dimensións do ascensor permitirán levalas no elevador, e outros elementos.
O proxecto ten un orzamento base de licitación de 294.635,79 euros, IVE engadido. Está informado tecnicamente xa polas diferentes administracións e ten luz verde para ser sacado a concurso en canto se dote a partida económica.
O alcalde expresou a súa satisfacción por recibir un proxecto encargado hai meses, que “xa está rematado”, ten “viabilidade técnica” e “vía libre” para levarse a cabo, unha vez se dote crédito para licítalo e executalo. Será unha actuación de especial transcendencia, xa que “por primeira vez vanse unir dous barrios e vai haber unha permeabilidade” da que se beneficiará a grande cantidade de veciñas e veciños que utilizan estas rúas.
Destaca tamén que é unha “zona estratéxica” dada a súa proximidade á estación de tren. “Se algunha vez se fai esa estación de tren que nos levan prometendo toda a vida, quedará perfecta para que entremos na zona alta da futura ou hipotética estación”. Tamén contribuirá a mellorar a comunicación en autobús, xa que lle proporcionará unha “mobilidade total” á veciñanza do barrio: o ascensor facilitará a conexión entre dous puntos clave nas futuras liñas do servizo de transporte público, a avenida de Marín, por onde pasará a futura liña troncal dos autobuses, e a Praza da Mariña (na avenida de Santiago), por onde pasará a liña Norte-Sur. Estas dúas paradas quedarán a escasos 50 metros e un ascensor de distancia. ”A conectividade vai ser total” asegura Gonzalo Jácome.