Concello de Ourense

O Concello de Ourense inicia a campaña de plantación de 1.000 árbores na cidade

As plantacións incluirán especies como cerdeiras do xapón, loureiros, castiñeiros, carballos ou perais de fror, entre outras. Desta forma, e con este amplo abano de especies, o Concello potencia o valor ornamental e paisaxístico da cidade, ademais de fomentar a biodiversidade, un factor clave para asegurar a súa permanencia en caso de pragas ou enfermidades graves.

O plan ten un obxectivo: “que todos os alcorques da cidade conten cunha árbore, para que todos os cidadáns de Ourense poidan desfrutar da biodiversidade das especies arbóreas e das súas vantaxes medio ambientais”, afirma Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente.

Óscar Gómez

Ourense | 13.01.2022 09:34

O Concello de Ourense inicia a campaña de plantación de 1.000 árbores na cidade | onda cero

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia o desenvolvemento do plan de plantación de novo arborado na cidade. O plan de plantación de árbores da Concellería de Medio Ambiente sumará 1.000 árbores no conxunto de parques, rúas e zonas do rural da cidade de Ourense no período 2022 a 2023.

O plan ten un obxectivo: “que todos os alcorques da cidade conten cunha árbore, para que os cidadáns de Ourense poidan desfrutar da biodiversidade das especies arbóreas e das súas vantaxes medio ambientais”, afirma Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente. Pumar destaca que a campaña de plantación abarcará tanto actuacións en rúas da cidade coma en espazos verdes do conxunto de Ourense.

Os traballos do ano 2022 abarcarán a plantación de 650 árbores, das cales 248 dedicaranse á reposición de marras en alcorques das rúas da cidade, e o resto de árbores serán implantadas en parques, zonas verdes, ou en zonas de espazo rural que necesiten actuacións de biodiversidade. Unha cifra que podería crecer tras a revisión e validación por parte do persoal técnico municipal. O número das árbores que se van repoñer determínase en función das especies ou plantacións fallidas que non saíron adiante de anos anteriores ou por exemplares que deberon ser retirados por mortalidade ou presenza de danos graves para a súa pervivencia.

Ata nove especies foron elixidas neste plan para a súa implantación na cidade. Os traballos de xardinería incluirán a plantación de castiñeiros, carballos, ou cerdeiras de xapón, así como exemplares de loureiros, árbores do amor, ameixeiras de Pissard, e ameixeiras de Pisardi ou vermellas. Outras especies elixidas son aciñeiras, peral en fror, ou tulipeiro de virxinia, que complementan unha oferta de especies elixidas polas súas virtudes florais e de biodiversidade.

Asegurar a permanencia do patrimonio arbóreo da cidade. Este é o obxectivo principal da campaña de plantación que a Concellería de Medio Ambiente inicia no conxunto da cidade, que ten como fin renovar o arborado substituíndo os exemplares mortos ou deficientes por árbores xuvenís, apostando sempre por marras de calidade de diferentes especies que favorezan a biodiversidade da cidade.

A localización da plantación de cada especie é determinada polos técnicos municipais valorando a dispoñibilidade de espazo respecto ao tamaño que pode alcanzar a árbore na súa idade adulta, e tendo en conta posibles peculiaridades da rúa ou espazo verde que acolle o novo exemplar, como pode ser proximidade de edificios, ou do entorno urbano próximo, coma bancos, semáforos, luminarias, ou paradas de autobús entre outras infraestruturas que se deben ter en conta.

Ademais, os técnicos estudan as características de cada localización de exemplares, tendo en conta para a plantación de cada especie características de intensidade de ventos, ou horas de sol ou de sombra das distintas zonas urbanas da cidade para asegurar o futuro das plantacións.

Para garantir o éxito das árbores plantadas, os traballos aplicarán técnicas que aseguren a calidade e viabilidade futura das especies. Por exemplo, os alcorques serán acondicionados previamente mediante a adecuada limpeza de restos vexetais e residuos para unha posterior implantación da especie adecuada retirando a terra necesaria para a súa localización e instalación, co oportuno substrato orgánico e o entutorado se foxe necesario, sumado un posterior traballo de consolidación.

A Concellería de Medio Ambiente lembra que as árbores xogan un papel determinante na loita contra o cambio climático e a redución da contaminación na nosa cidade. Unha soa árbore adulta pode absorber ata 150 Kg. de gases contaminantes nun só ano. Ademais de ser un regulador de temperatura que pode reducir nos meses de verán entre 2 a 8 grados segundo a especie e localización.

Para Jorge Pumar as árbores xogan un papel clave na biodiversidade da cidade, e lembra que a ciencia mostra que vivir cerca de espazos verdes urbanos arborados mellora a saúde física e mental, o que contribúe ao benestar das comunidades urbanas. Pumar adianta que desde a súa concellería traballa en novos proxectos para mellorar a sostenibilidade da cidade e a saúde de todos.