O Concello de ourense fai un balance positivo da celebración de Fin de Ano e Aninovo
Durante a noite do 31 de decembro, máis de 1.000 adolescentes celebraron a entrada do ano na carpa instalada polo Concello na Praza Maior.
O goberno municipal fai un balance moi positivo das celebracións de Fin de Ano 2022 e Aninovo 2023 na cidade, dada a gran participación do público nas diferentes actividades organizadas polo Concello de Ourense, a pesares da incesante chuvia que caracterizou a madrugada do primeiro día do ano.
Así, durante a noite do 31 de decembro, máis de 1.000 adolescentes celebraron a entrada do ano na carpa instalada polo Concello na Praza Maior. Esta era unha novidade do programa de Nadal, que tiña como finalidade proporcionarlle ao público sub-18 unha alternativa lúdica especial para esta noite. A festa, amenizada con DJ e con barra sen alcohol, desenvolveuse até as 4.00 da madrugada, acadando picos de participación de 800 mozas e mozos. Tamén contou cunha masiva resposta de público a carpa instalada na rúa do Progreso, á altura da Alameda, onde persoas de todas as idades desfrutaron coa verbena a cargo do grupo América. A carpa tamén completou ao 100% a súa capacidade.
Previamente, na xornada de tarde, as rúas do centro da cidade viviron unha nova edición, a séptima, da San Silvestre ourensá, carreira popular organizada polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense para despedir o ano. A proba, cunha eminente vertente festiva, contou cunha excelente participación de corredores e corredoras de todas as idades, nas diferentes categorías: pitufos, sub10-sub12, e absoluta, nun percorrido novidoso, que deu un novo aliciente á carreira.
A festa deportiva continuou o día 1, á 1:00h do mediodía, coa subida á Costiña de Canedo, na que un gran número de atletas se reuniron para iniciar o ano ascendendo unha das pendentes máis duras da cidade, con 2 km. de subida e 1 de media subida, poñendo a proba as súas forzar para superar non só a pronunciada rampla, senón tamén as inclemencias climatolóxicas que caracterizaron a mañá do día 1.
No ámbito das artes escénicas, a cidade recibiu o 2023 cun extraordinario espectáculo: a representación de “O lago dos cisnes”, a cargo do Ballet de Kiev”, que encheu a sala principal do Auditorio Municipal de Ourense. O espectáculo da compañía ucraína, con música de Pitor Tchasikovsky, con Ana Sophia Scheller como directora artística, acadou unha excelente acollida do público ourensán. A obra destinou unha parte da recadación (1,5 euros por entrada vendida) a apoiar a UNICEF polo traballo de emerxencia que está a realizar en Ucraína.