Dous tráilers sairán con destino a cidade polaca de Ladek-Zdrój con axuda humanitaria aos refuxiados ucraínos. O Concello de Ourense implicouse nesta iniciativa tras o chamamento do alcalde desta cidade polaca a través da Asociación Europea de Cidades Termais – EHTTA -, da que Ourense tamén é socia.
O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, a concelleira de Política Social Eugenia Díaz Abella, e a deputada provincial Luz Doporto, asistiron ao parque de maquinaria da Deputación a supervisar os preparativos para a saída dos dous tráilers.
A axuda que transportan estes vehículos procede de achegas de concellos de toda a provincia de Ourense e sairán cara Ladek-Zdroj o luns de madrugada.