O Concello de Ourense adxudica o proxecto e obra do parque Canedo
O alcalde Gonzalo Jácome explica que será o maior parque que se vai construír na cidade e dotará dunha calidade de vida “tremenda” á veciñanza do barrio da Ponte e de todo Ourense.
O proxecto do parque Canedo prevé o acondicionamento de espazos libres, cun gran parque, un aparcamento público soterrado con 350 prazas de estacionamento e unha piscina, entre outros equipamentos, no solo urbano 32, zona 2 do Plan de Urbanismo de 1986. Trátase do interior do rueiro formado polas rúas San Rosendo, San Froilán, Avenida das Caldas, Avenida de Basilio Álvarez, Victoria Kent e Xesús Pousa Rodríguez, no barrio da Ponte. A intervención prevé urbanizar o espazo público, creando unha ampla zona verde para desfrute da poboación, con servizos públicos que permitan satisfacer as necesidades lúdicas da veciñanza, e un grande aparcamento subterráneo que dea servizo ao novo espazo e ao barrio no que se atopa.
O goberno municipal prevé que o proxecto técnico estea rematado no mes de novembro ou decembro deste ano, e que a obra poida estar finalizada en decembro de 2026. Destaca o alcalde o aparcamento con 350 prazas “fundamental para o barrio da Ponte, nas proximidades da estación de tren e da praza de abastos da Ponte que abrirá en breve”, ou a piscina de verán, “que será tan grande como a de Oira”.
O proxecto está financiado parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano.
O contrato, que inclúe a redacción do proxecto, a execución das obras e a dirección facultativa para a construción e urbanización do denominado Parque Canedo adxudícase á empresa Petrolam Infraestructuras SL, que presentou a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por un importe total de 7.817.881,54 €, IVE engadido.