O Concello impulsa as festas dos barrios das Lagoas, A Ponte e Covadonga
As festas da Ponte contarán co grupo La Misión, a orquestra Marbella e os grupos JB SON e La banda de ayer, ademais de macrodiscoteca, barras e fogos artificiais.
O Concello de Ourense avanza nos preparativos das festas dos barrios da cidade, que terán as súas próximas citas nas Lagoas, no mes de xuño, A Ponte, en xullo, e Covadonga, en setembro. A Concellería de Artes e Festexos ultima estes días a programación destes eventos, organizados polo Concello.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, explica que “o Concello de Ourense continúa traballando na planificación das próximas festas. As da cidade serán na terceira semana de xuño, pero xa temos en previsión e traballamos nas que virán a continuación”. Neste senso, explica, “igual que o ano pasado, non queremos permitir que o barrio da Ponte quede sen festas, e volveremos organizalas este ano”. Serán, avanza o rexedor, “unhas súperfestas”, que se desenvolverán durante 4 días, desde o 22 ao 25 de xullo.
O programa conta para o sábado 22 de xullo coa actuación da macrodiscoteca Éxtasis e para o domingo 23 cos grupos JB SON e La banda de ayer. O luns, 24 será o momento da macrodiscoteca A Gramola e do grupo La Misión, de Madrid, considerado un dos máis prestixiosos e populares de toda España, e que estará por primeira vez en Ourense. O programa completarase o martes 25 coa orquestra Marbella e a tradicional tirada de fogos artificiais. As festas da Ponte contarán tamén coa presenza de barracas festivas.
Antes da cita pontina, no mes de xuño, serán as festas das Lagoas, os días 16 e 17 de xuño, que terán como principais referentes a actuación do grupo Origen (o venres, 16) e a discomóbil A Gramola (o sábado, 17).
O calendario festivo dos barrios da cidade terá outra cita no barrio de Covadonga, neste caso no mes de setembro. “Queremos que despois de varios anos volvan as festas ao barrio”, asegura Gonzalo Jácome, que confirma que o Concello organizará a programación dos eventos festivos.
O Concello executa novas beirarrúas na rúa do Tinteiro
O Concello de Ourense rematou os traballos de construción de beirarrúas na rúa do Tinteiro, unhas actuación para a mellora da mobilidade peonil na cidade e que dotou dun paso de peóns elevado baixo a ponte do Milenio.
Executáronse dúas beirarrúas de lousa hidráulica: a primeira delas conecta o cruce da rúa do Tinteiro coa rúa da Feira Nova e as escaleiras de baixada ao paseo do Miño, baixo a ponte Novísima; a segunda beirarrúa, na outra marxe da vía, conecta coa zona de escaleiras baixo a ponte do Milenio. Entre os dous tramos suman 185 metros de beirarrúas de nova creación.
Ambas as dúas beirarrúas están conectadas, baixo a ponte do Milenio,cun paso de peóns elevado de sección trapezoidal. Ademais, aproveitouse para rehabilitar o firme da rúa do Tinteiro naquelas zonas onde presentaba máis desgaste, fresando e pavimentando a zona. As obras completáronse coa sinalización oportuna.