O Concello de Ourense colocou acivros ornamentais en diferentes puntos da cidade. Con esta iniciativa, unida á iluminación de Nadal e a un programa festivo que se irá desvelando nos vindeiros días, o Concello quere animar a cidadanía a saír ás rúas e gozar do ambiente destas datas. Igualmente, preténdese engalanar as rúas como incentivo para a campaña de Nadal do comercio local.
Desde o goberno municipal exhórtase ao coidado destas árbores, que se manterán nas rúas de Ourense até o remate das festas. Chegado este punto, organizarase unha recollida das especies ornamentais, establecendo un punto fixo para que a cidadanía os poida depositar -en vez de botalos ao lixo- e promover unha nova vida para estas especies no viveiro municipal.