O goberno municipal estudará a posibilidade de habilitar prazas de aparcamento exprés (por tempo reducido) na proximidade das boticas coa finalidade de facilitar o acceso de veciñas e veciñas á adquisición destes produtos de primeira necesidade. Trátase dunha proposta do colexio, que o Concello valorará na medida en que pode ser moi beneficiosa para as farmacias e tamén para todas as persoas que acoden a elas a comprar os fármacos que deben consumir por motivos de saúde.
Por outra banda, o Concello contará coa colaboración do Colexio de Farmacéuticos de Ourense no proxecto piloto que pretende desenvolver para asistencia ás persoas que viven soas. Entenden o alcalde e o presidente do colexio que a participación dos farmacéuticos e das farmacéuticas pode ser de grande utilidade no control da medicación que toman moitas persoas maiores que, aínda que non son dependentes, si requiren unha supervisión que garanta que toman ben a medicación e evitar que se produzan duplicidades, reaccións adversas ou outros problemas relacionados coa toma dos medicamentos.