Ourense Cidade

O Concello adxudicará a reparación da locomotora do barrio da Ponte

O proxecto de reparación da locomotora exposta na rúa Xesús Pousa ten un orzamento de 142.640,38 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2023 08:52

O Concello adxudicará por procedemento negociado a reparación da locomotora do barrio da Ponte | onda cero

O Concello de Ourense adxudicará por procedemento negociado o servizo de reparación da locomotora do barrio da Ponte, logo de que quedase deserta a licitación, mediante procedemento aberto, realizada para adxudicar estes traballos. Porén, dada a importancia desta actuación, o goberno municipal contratará a restauración da máquina mediante un procedemento negociado, fórmula prevista na Lei de Contratos do Sector Público para casos coma este, e tendo constancia do interese amosado por empresas do sector por realizar os traballos. A contratación mediante procedemento negociado non demorará máis dun mes o inicio das obras.

O proxecto de reparación da locomotora exposta na rúa Xesús Pousa ten un orzamento de 142.640,38 euros e un prazo de execución de 4 meses. A locomotora de vapor 240-2072, de tipo mastodonte atópase exposta de forma permanente na rúa Xesús Pousa Rodríguez, fronte á estación de ferrocarril, desde o ano 1976. Fabricada no ano 1927, foille cedida ao Concello polo Consello de Administración de RENFE para a súa exposición estática na vía pública, como unha homenaxe aos ferroviarios no barrio da Ponte. O proxecto elaborado polo Concello define os traballos necesarios para restaurar a locomotora, frear a súa deterioración progresiva e recuperar un aspecto o máis fiel posible á súa aparencia orixinal.