Cooperación

Colaboración co ciclo "Conversaciones: Quo Vadis?

Manuel Baltar destaca “a importancia de apoiar iniciativas como estas, tendo como poñentes a personalidades referentes no seu ámbito e permitindo afondar en diversos aspectos moi presentes na sociedade”

Óscar Gómez

Ourense | 17.03.2023 09:14

Colaboración co ciclo "Conversaciones: Quo Vadis? | onda cero

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro coa profesora de Dereito do Traballo da Universidade Autónoma de Barcelona María José Feijóo para acordar o apoio da institución provincial á primeira edición do ciclo de conferencias organizado pola docente universitaria, “Conversaciones: Quo Vadis…?”, que arrancará no Centro Cultural Marcos Valcárcel coas ponencias do presidente de GAD3, Narciso Michavila -30 de marzo-, e o exministro e mediador Manuel Pimentel -4 de maio-.

Este ciclo, que despois de Ourense celebrará dúas sesións en Madrid e outras dous en Barcelona, pretende abordar segundo a súa promotora dende a “pluridisciplinariedade, diversos ámbitos do coñecemento de actualidade contando con poñentes de recoñecido prestixio”.

Despois da xuntanza de traballo, Manuel Baltar destacou “a importancia de apoiar este tipo de iniciativas, tendo como poñentes a personalidades referentes no seu ámbito e permitindo afondar en diversos aspectos moi presentes na sociedade”. O presidente do goberno provincial reivindica “a continua implicación da Deputación no patrocinio e organización de actividades vencelladas á cultura” e pon en valor a traxectoria e o traballo de María José Feijóo.

María José Feijóo explica que este ciclo nace “a partir da incerteza que actualmente estamos vivindo como consecuencia dos intensos cambios, de orixe diversa, é de tal intensidade que vai máis alá dunha época de cambios. É máis, atreveríame a afirmar que nos atopamos ante un cambio de época”.

“Nestas dúas sesións”, explica María José Feijóo, “os poñentes aportarán luz que contribúa a atenuar os efectos da omnipresente incerteza que nos rodea”.

O impacto das enquisas electorais e a resolución de conflitos, eixos temáticos das sesións programadas

O xoves 30 de marzo, ás 18,00 horas, está programado no Centro Cultural Marcos Valcárcel o primeiro destes encontros, coa presenza do presidente de GAD3, Narciso Michavila, quen conversará e disertará baixo a temática “Quo Vadis… Panorama socio-electoral: que nos din as enquisas?”.

A segunda sesión, titulada “Quo Vadis… A arte da negociación e a resolución de conflitos”, terá lugar o xoves 4 de maio e contará coa presenza de Manuel Pimentel, mediador e exministro de Traballo e Asuntos Sociais.

María José Feijóo explica que “nestas dúas sesións conversarase co obxectivo de contribuír á información do coñecemento: Narciso Michavila abordará o impacto das enquisas no ámbito socio-electoral de inminente desenvolvemento a nivel de administración local e na maioría de comunidades autónomas. E Manuel Pimentel reflexionará sobre a resolución de conflitos como instrumentos que posibilitan afrontar a complexa realidade que vivimos a nivel económico, político ou social”.

En ambas sesións, os poñentes iniciarán o acto disertando sobre as temáticas indicadas para, a continuación, dar paso a unha conversa co resto de persoas que os acompañarán, e con aquelas persoas interesadas presentes no Centro Cultural Marcos Valcárcel.