Case 4000 persoas visitaron os Xardíns da Poesía nos primeiros 15 días
Logo do parón do 2020, o recinto abría as portas ó público para que coñeceran os deseños dos 10 xardíns que concursarán durante esta edición de 2021.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, nos seus primeiros 15 días de apertura ao público, recibiu a visita de case 4000 persoas que se achegaron a coñecer os Xardíns da Poesía.
Logo do parón do 2020, o recinto abría as portas ó público para que coñeceran os deseños dos 10 xardíns que concursarán durante esta edición de 2021. A poesía respirase nos 37.000m2 do espazo, no que se poderá gozar de xardíns nos que autores e autoras coma Rosalía de Castro, Fernando Pessoa, Machado, Lorca, Xela Arias ou Giacomo da Lentini están representados.
Nesta XI edición poderán atopar xardíns de todas as partes do mundo, dende Arxentina e Colombia ata Italia e China, pasando por Madrid, Soria, Alemaña e a mesma Galicia sen esquecernos do país veciño Portugal. E como non, as persoas que visiten o festival, que estará aberto ata o 31 de outubro, poderán gozar tamén do xardín dos centros educativos de Allariz, que este ano leva por título Entrenzado de palabras.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade: é o único das súas características que se celebra en todo o Estado. Constitúe un dos principais reclamos turísticos de Allariz e as súas edicións consolidan o evento como referente para público especializado, profesionais do sector e visitantes así como veciños e veciñas.