O campo de fútbol de Vilar de Astrés incorpora céspede artificial, novos vestiarios e bancada
O alcalde inaugurou as obras realizadas no equipamento municipal, valoradas en medio millón de euros: “unha grande instalación para a zona pero tamén para toda a cidade
O campo de fútbol de Vilar de Astrés loce renovada imaxe logo das obras de remodelación executadas polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense. O alcalde e presidente do CMD, Gonzalo Pérez Jácome inaugurou o equipamento municipal, que foi dotado de céspede artificial, e no que tamén se acondicionaron novos vestiarios e bancada. As obras foron executadas pola empresa Extraco, Construcións e Proxectos S.A. por un importe de 455.463,36€, cunha garantía do equipamento de catro anos. Xunto a este importe efectuaronse melloras a maiores por valor duns 75.000€.
O novo campo é “unha grande instalación para Vilar de Astrés pero tamén para toda a cidade de Ourense e os seus equipos de fútbol”, asegurou o alcalde, quen avanzou que, aínda que o campo xa está a ser utilizado para os adestramentos da Unión Deportiva Ourense, estudia organizar un partido inaugural, que serva de “pistoletazo de saída” do novo campo. Sería _dixo_ “un pequeno desafío”, no que se enfrontarían, na modalidade de fútbol 7, un equipo de fútbol 11 e un equipo de fútbol sala da cidade.
O proxecto dotou dun céspede artificial do máximo nivel, segundo constatou o Instituto Biomecánico de Valencia que, antes de recibirse as obras, comprobou que as condicións do terreo de xogo cumpren os máximos requerimentos de homologación marcados pola federación internacional de fútbol FIFA. Os ensaios efectuados permitiron que este novo equipamento obteña o certificado FIFA Quality Pro, esixido nos pregos de licitación das obras, que garante a calidade e funcionalidade da superficie deportiva.
Xunto a este terreo de xogo de última xeración e a humanización de toda a parcela, efectuouse unha grada cuberta nunha das bandas de catro andares e remodelouse o vello edificio de vestiarios, que permite o uso cotián e de competición destes espazos. O potencial de uso destas instalacións é enorme dada a proximidade á cidade, xunto coa presenza de liñas de transportes urbano, ó que se agarde sexa un revulsivo deste núcleo rural.