Representantes institucionais do Concello de O Pereiro de Aguiar presentaban no encoro de Cachamuíña unha exposición ao aire libre baixo o suxestivo lema Camiña O Pereiro.
“Cada día son centos as persoas que se achegan ao encoro para gozar deste espazo, agora queremos que dende aquí podan ter a infraestrutura e información necesaria para coñecer tamén outras partes igualmente atractivas do noso concello”, apuntaba hoxe Luís Menor na presentación aos medios de comunicación. “Grazas á colaboración da Rede Española de Cidades Saudables imos poder promover agora o coñecemento dos nosos recursos mediante a práctica dunha actividade saudable como é o sendeirismo”, comentaba o rexedor.
A exposición está conformada por 10 unidades expositivas repartidas arredor do paseo do encoro. En cada unha delas preséntanse os diferentes recursos patrimoniais do municipio, así como as rutas de acceso aos mesmos. Itinerarios acondicionados nos últimos tres anos grazas aos traballos impulsados dende o concello e en colaboración con outras administracións provinciais e autonómicas.
“Na actualidade contamos con máis de 50 km acondicionados para a práctica do sendeirismo. Temos itinerarios deseñados para facer en familia como a Ruta dos Muíños do Río Loña e outros para públicos máis acostumados a camiñar como a Ruta dos Picos de Covas-Triós. En calquera caso rutas sempre perfectamente sinalizadas e accesibles para a veciñanza do noso municipio e quen se achegue a visitarnos”, apuntaba o alcalde de O Pereiro, Luís Menor.
Con esta acción o Concello de O Pereiro de Aguiar pretende sumar un novo factor de dinamización á economía local despois de que o municipio fora integrado dentro do xeodestino Ribeira Sacra. Unha estratexia que engloba a celebración de actividades gratuítas e guiadas de iniciación ao sendeirismo e á micoloxía para orientar a todas aquelas persoas que queiran aproximarse por vez primeira a esta práctica e a este territorio.