Boa fin de semana para Past Autos Racing en Italia
Jesús Díez Villarroel e Álex Cid quedaron oitavos na xeral da Eurocopa, mentres que Carlos Sampayo e Irene Serrano foron décimo terceiros.
Fin de semana de competición e tempo inestable na oitava proba do Campionato de Europa de Vehículos Históricos, o Rally Elba Storico, celebrado na pequena illa situada no mar Mediterráneo. Tres equipos estiveron presentes dentro da estrutura ourensá Pasta Autos Racing, todos eles coa firme intención de realizar unha boa proba ante os sempre competitivos pilotos locais e os galos da competición continental.
Nesta ocasión, os ourensáns Jesús Díez Villarroel e Álex Cid foron os mellores clasificados da expedición ourensá, nunha proba na que foron realmente competitivos no Ford Escort Rs2000. Confirmando as boas sensacións mostradas no último Rallye de Asturias, o equipo Ford foi o máis consistente, situándose ao final da proba italiana na oitava posición da clasificación xeral dentro da Eurocopa. Un magnífico resultado que confirma o cambio de tendencia amosado en España e que deixa a moral alta ao equipo antes de afrontar os próximos retos deportivos.
Carlos Sampayo e Irene Serrano, copiloto provisional do Ourensano en Asturias e esta cita, acoplaron á perfección e tras dúas primeiras xornadas de moito ritmo e mellor clasificación atrasáronse nas etapas do sábado, cando comezou a chover e viuse afectada a inestabilidade climática. Finalmente foron décimo terceiros na clasificación xeral. O lado menos positivo desta fin de semana dentro do equipo Past Autos Racing foi para Fernando e Ángela Dameto, que tras dúas primeiras xornadas competindo cos pilotos italianos tiveron que marchar ao romper a caixa de cambios do seu habitual Porsche 911 SC.
A vindeira proba do Campionato de Europa de Vehículos Históricos será o Rallye de Sanremo, un evento que porá fin a unha tempada ilusionante e a volta á normalidade nas competicións internacionais de motor.