Debate estado da provincia

O BNG ve unha visión triunfalista do PP e Ciudadanos pide unha estraxia conxunta

No debate do estado da provincia de Ourense o PP fixo gala dunha visión tan idílica como irreal na que choca o discurso triunfalista de Baltar cos datos demográficos e económicos que padece a provincia

Óscar Gómez

Ourense | 18.11.2020 08:51

O BNG ve unha visión triunfalista do PP e Ciudadanos pide unha estraxia conxunta | onda cero

“Para o BNG este foi un pleno clarificador onde o grupo de goberno, con Baltar á cabeza e respaldado polo señor Caride, atopa que a situación desta provincia é unha situación idílica onde pouco queda por mellorar”, analiza Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense. O que en boa medida explica o “pouco ambiciosas que son as propostas do Partido Popular” para unha provincia que esmorece, tal é como lle recriminou o voceiro do BNG ao grupo de goberno provincial no transcurso do pleno.

“Desde o BNG discrepamos profundamente con esta visión”. Así o manifesta Varela afirmando que “consideramos que non pode ser que esta provincia permaneza parada e sen combater as causas estruturais do seu atraso. Nin que a desaparición de 2000 ourensáns nun só ano, siga sendo unha realidade habitual na provincia e que isto non nos leve a reflexionar e poñer propostas que potencien as nosas principais fortalezas”

Ante esta situación, desde o BNG trasladamos unha serie de propostas que entendíamos que serían beneficiosas para o conxunto da cidadanía. Destacando aquelas que fan participes aos concellos na xestión do futuro da provincia. Propoñendo que sexan criterios obxectivos os que rexan no reparto de fondos provinciais para os concellos, como institucións máis próximas á veciñanza . “Debe pórse en valor o papel dos concellos ante a pandemia e a difícil situación en que van quedar pola merma de ingresos e as necesidades acuciantes que están a afrontar pola COVID-19 cara a súa veciñanza” clarifica Varela.

E xunto a estas medidas, o BNG fixo tamén especial finca pé en apoiar o sector primario e artesanal, pois a súa ligazón ao territorio pon en valor o noso rural, o noso medio ambiente e a nosa riqueza patrimonial. “E para elo propuxemos non só axudas económicas senón tamén poñer á súa disposición aquelas instalacións e parcelas da Deputación que actualmente se atopan ermas” sinala o voceiro do BNG. “Sen esquecernos de medidas en apoio a pequenas empresas, autónomos, asociacións culturais e clubs deportivos para os que propuxemos a apertura de liñas de axuda habilitadas por concorrencia competitiva e detraídas do 50% do remanente de tesourería da Deputación. Ou mediada de aforro, como a supresión do INORDE pola súa inoperatividade”. Todas elas medidas rexeitadas polo Partido Popular e o grupo de goberno da Deputación provincial.

Desde o BNG entendemos que Ourense si é viable implementando as proposta que trasladamos a este pleno. Propostas que o PP e o señor Caride rexeitan sistematicamente, valora o voceiro nacionalista na deputación provincial de Ourense.

Desde Ciudadanos Betriz Lama pide: "Fagamos unha estratexia conxunta e ambiciosa para non deixar atrás a ningún dos ourensáns nesta crise". Así o trasladou este martes a deputada do Grupo Provincial de CS na Deputación de Ourense, Montse Lama, despois de rexistrar varias propostas na institución provincial para votar no Debate do Estado da Provincia, ante a súa imposibilidade de asistir a este actuar por estar de baixa por maternidade.

Entre as propostas rexistradas o pasado 7 de novembro, destaca a solicitude de creación dunha Plataforma de Emprego na provincia. “Vemos a necesidade dun compromiso decidido cos produtos que ofrece a nosa terra. Somos unha provincia extremadamente rica con excelentes produtos e debemos traballar para situar a nivel nacional e internacional o que nos dá a nosa terra".

Ciudadanos tamén propuxo habilitar algún espazo para crear un Refuxio Provincial e pide á Deputación que faga as achegas oportunas a todas as asociacións e institucións que hoxe fan un traballo moi importante na distribución de alimentos. "Vivimos momentos complexos e non debemos esquecer a aquelas persoas que están a vivir situacións dramáticas e que precisan da nosa axuda inmediata".

Por outra banda, solicitou iniciar un proxecto global na nosa provincia termal. "Necesitamos un proxecto forte, investimentos e un gran traballo de posicionamento internacional".A hostelería, a cultura ou un proxecto definitivo para a estación de montaña de Manzaneda foron outras das propostas presentadas polo Grupo Provincial de Cidadáns.