O BNG pídelle ao PP que actúe e retire o apoio a Jácome
Para os nacionalistas, as últimas novas xurdidas nun medio de comunicación local son da suficiente entidade como para que o PP, diga claramente se vai manter esta situación ou se pensa rematar con ela
As novas xurdidas este domingo nun medio de comunicación local, son segundo o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, da suficiente entidade como para que aqueles que puxeron e manteñen a Jácome á fronte da alcaldía, decidan se o manteñen ata o final do mandato ou se pola contra permiten a formación dun goberno alternativo que saque a Ourense da parálise, do caos e do lodazal no que está sumido.
No tocante ás escoitas publicadas e independentemente do percorrido xudicial que poidan ter ou non, son, para o BNG, da suficiente entidade como para que políticamente teñan consecuencias. Ditas escoitas demostran o proceder, por outro lado, nada novidoso, dunha persoa, Gonzalo P. Jácome, cuio único obxectivo é manterse na alcaldía. Ese é o seu día a día e non o de gobernar ou xestionar o concello. Un alcalde encerellado en cuestións internas e que desatende as súas obrigas como rexedor da terceira cidade do país.
Aquel que viña a limpar a vida política, a rematar con prácticas pouco edificantes e a transformar Ourense, está convertindo ao concello nun auténtico lodazal, onde a crispación, a tensión, as malas formas e a falla dun modelo e proxecto de cidade son o día a día.
Segundo o BNG, o aire cada vez é máis irrespirábel polo que cómpre, nunha situación de crise social e económica, onde centos de veciñas e veciños precisan axuda e unha administración áxil e cumpridora coas súas obrigas legais, tomar unha decisión e sacar ao concello desta situación.
Por este motivo é polo que os nacionalistas miran cara o PP, un PP que situou a Jácome á fronte da alcaldía pese a advertir que sería “letal” para Ourense. Un PP que lle deu osíxeno reincorporándose á Xunta de Goberno Local, onde por certo aínda seguen. Un PP que debe retirar o seu apoio, ven sexa directo ou indirecto, ao actual alcalde, e porlle fin dunha vez por todas a esta lamentábel situación.
Esta situación tan nociva ten responsábeis directos que teñen a obriga de resolvela, Feijóo e o PP. Nin Ourense nin as súas veciñas e veciños merecen tal esperpento.